Os puntos limpos de proximidade recollen 900 pequenos electrodomésticos ao mes
O alcalde informou este martes dos datos de recollida do lixo nos puntos limpos de proximidade situados na Praza da Independencia e na rúa Martín Echegaray, que suman unha media mensual de 1.300 quilos de residuos.
O goberno municipal ten ao dispor da cidadanía dous puntos limpos de proximidade que facilitan a reciclaxe á cidadanía e “ofrecen comodidade” ao ser un punto estable de depósito do lixo, en palabras de Abel Caballero.
Desde a súa posta en funcionamento, os dous puntos limpos de proximidade cos que conta a cidade, en Praza da Independencia e en Martín Echegaray, recollen mensualmente 1.300 quilos de residuos.
Tal e como apuntou o rexedor, os residuos que xeran maior demanda son os pequenos electrodomésticos, cunha media mensual de 900 unidades depositadas. Ademais, deposítanse 660 CD’s, 240 aerosois e 120 toners e tubos fluorescentes, 900 quilos de cartón, 180 litros de aceite, 120 quilos de pilas, 30 quilos de cápsulas de café e 15 quilos de tapóns de media cada mes nos dous puntos limpos.
Ademais, o Concello conta con doce puntos móbiles distribuídos pola cidade, nun horario e días determinados que son aptos para o depósito de residuos máis voluminosos, ademais do punto limpo fixo situado no Polígono do Caramuxo.