Caballero celebra que o 40% das viaxes do Imserso de Galicia saian de Vigo
O alcalde puxo de manifesto que este ano “Vigo é tratada como se merece”, co dobre de voos con respecto ao ano anterior. Caballero lembrou que o ano pasado escribiu unha carta ao director do Imserso para reclamar máis voos con saída desde a terminal viguesa para beneficiar aos maiores de Vigo e a área metropolitana.
Abel Caballero celebrou que os maiores de Vigo dupliquen as opcións para viaxar dentro do programa do Imserso deste ano. O aeroporto de Vigo asumirá o 40% das viaxes de toda Galicia, que son máis do dobre de voos que o ano anterior. O outro 60% das conexións sairán desde Santiago.
O alcalde considera que “Vigo está ben atendida e que por fin é tratada como se merece”. Caballero lembrou que ante o agravio do ano anterior, remitiu unha carta ao director do Imserso reclamando máis voos desde Vigo. “Cando as cousas con esta cidade se fan ben, tamén hai que dicilo”, expresou.
O rexedor puxo de manifesto que “aínda está pendente unha pequena reminiscencia: o bus directo desde Vigo ata Santiago para as persoas que opten a algunha das prazas que se ofertan desde Lavacolla”.