Caballero inaugura o monumento do cemiterio de Pereiró que acollerá as cinzas de viguesas e vigueses destacados
O alcalde de Vigo inaugurou este xoves no cemiterio de Pereiró un novo espazo para depositar as cinzas de vigueses e viguesas que realizaron un traballo importante, notable e recoñecido en favor da cidade. “Queremos ter un espazo que, dentro da austeridade, sexa representativo do que Vigo aprecia de tantas persoas que traballaron pola cidade”, afirmou Abel Caballero.

Nove monolitos onde se depositarán as cinzas das viguesas e vigueses que se destacaron polas súas achegas á cidade, e una peza central ceremonial, compoñen o novo espazo construído polo Concello no cemiterio de Pereiró para “recoñecer” o traballo de cidadáns relevantes. A obra, que “é unha forma moderna de completar o cemiterio, no que hai unha arquitectura que traza a historia da cidade de Vigo”, segundo destacou o alcalde, inclúe unha inscrición co “agradecemento ás viguesas e vigueses que vivirán para sempre no recordo da cidade”.
O monumento funerario acollerá as cinzas de persoas relevantes que solicitasen que os seus restos repousen nun espazo singular. O alcalde sinalou que ás familias que o soliciten ofreceráselles, previa decisión do Concello, que as cinzas descansen no novo espazo.
“Queremos ter en Vigo un monumento funerario para que aquelas persoas que falezan, e as súas familias o soliciten, teñan o recoñecemento desde a cidade”, explicou Abel Caballero. Acto seguido afirmou que “Vigo débelle tanto a tanta xente que dedicou a súa vida pola cidade que a cidade quere corresponderlles polo que fixeron, polo que significaron e polo que van seguir significando”.
O alcalde indicou que na opinión do goberno municipal o último cronista oficial de Vigo e director de Faro de Vigo, Ceferino de Blas, “será e deberá ser o primeiro vigués relevante cuxas cinzas repousen neste novo espazo. Vigo quereralle recoñecer a Ceferino de Blas o inxente e extraordinario traballo que fixo en favor desta cidade”.
No acto de inauguración participaron as concelleiras Nuria Rodríguez e Patricia Iglesias, e a viúva de Ceferino de Blas, Marisa Real.

