Escoitar

O alcalde reclama á Xunta que coopere na construción do túnel desde Elduayen a Torrecedeira

“É unha gran prioridade na cidade”, sinalou Caballero, que avanzou que o Concello está redactando o proxecto da obra que ten un orzamento previo estimado de 20 millóns de euros, a expensas do que recolla o proxecto construtivo.

luns, 16 set 2024
Foto de arquivo do alcalde nunha visita á obra do túnel da Porta do Sol
Foto de arquivo do alcalde nunha visita á obra do túnel da Porta do Sol

O rexedor informou que o goberno municipal vén de recibir a autorización de Patrimonio da Xunta de Galicia para o proxecto de continuación do túnel desde Elduayen a Torrecedeira quedando resolta “tecnicamente a presenza das murallas no substrato do solo”.

O goberno de Vigo está redactando xa o proxecto de prolongación de soterramento do tráfico rodado entre as citadas rúas co fin de facer a “recuperación peonil de todo o centro da cidade: Paseo de Alfonso, Elduayen e Porta do Sol, que xa é peonil nestes momentos”. As estimacións iniciais “a expensas do proxecto construtivo”, que son susceptibles de ser modificadas, sitúan o orzamento da obra en “arredor de 20 millóns de euros”.

Abel Caballero apuntou que vén de remitirlle unha carta a Alfonso Rueda para solicitar a participación económica da Xunta de Galicia na construción do túnel. “É unha gran prioridade na cidade. Rueda dime que queren cooperar coa cidade nos proxectos prioritarios e este é o máis prioritario, ten concreción en moi curto prazo e forma parte do que ten que completar a cidade”. Engadiu que no pasado mes de xuño, canto se reuniu co presidente da Xunta, o goberno municipal non contaba coa autorización de Patrimonio pero “agora que sabemos que poden salvarse ben as murallas, aparece unha grande prioridade na cidade: completar o túnel desde Elduayen ata Torrecedeira; ter un túnel que vaia desde Policarpo Sanz a Torrecedeira”.

Na misiva, o alcalde de Vigo solicítalle ao presidente da Xunta “cooperación económica” para este proxecto, “e non descartamos outros proxectos de grande importancia como o túnel de Beiramar” pero será “a medio prazo porque está nun estadio moito máis preliminar tecnicamente. Temos que poñernos dacordo o Concello, a Xunta, o Goberno de España e o Porto de Vigo ”.

Nestes momentos, recalca Caballero “a prioridade da cidade é levar o túnel desde Elduayen a Torrecedeira e recórdolle -a Rueda- que un proxecto similar, o túnel do Parrote para peonalizar unha zona da Coruña, foi cofinanciado desde a Xunta na cidade da Coruña. Por tanto, arrancamos coa certeza de que a Xunta vai contestar afirmativamente”.

Así mesmo, unha vez que se reciba esa resposta da Xunta, o alcalde ponse “á disposición” do presidente da Xunta e “suxire” que esta cuestión “pode tratarse na comisión de infraestruturas entre Concello e Xunta onde “poderiamos concretar as cantidades que a Xunta debe dedicar á cidade”.

 

 

 

 

Descargar todas as imaxes