Escoitar

A cidade acolle 16 concertos simultáneos en diferentes espazos da cidade

A cita é este venres 6 de setembro ás 19 horas. É un dos tres eventos cos que pecha temporada este mes de setembro o programa Conexións Vigo 2024 que organiza a Fundación Mayeusis en colaboración co Concello.

mércores, 4 set 2024

O alcalde participou este mércores na presentación do programa xunto a Felipe Estévez, presidente da Fundación Conservatorio Mayeusis, quen agradeceu ao Concello o apoio a Conexións Vigo e explicou que con este concerto simultáneo “quixemos facer algo especial, un valor engadido de facer feliz á xente da cidade” a través da música. Na presentación estiveron tamén Lucas Alonso, director do Conservatorio Mayeusis e Isidro Betancourt, coordinador artístico do programa e os concelleiros Gorka Gómez (Cultura) e María Lago (Turismo).

Abel Caballero referiuse aos tres eventos de peche da temporada como unha proposta “insuperable, unha forma de levar a música á xente; e isto é único, unha revolución da música ao longo e ancho da cidade”.

O peche do Programa Conexións Vigo 2024 da Fundación Mayeusis inclúe a celebración este venres 6 de setembro de 16 concerto simultáneos ás 19 horas. Baixo o lema “Abrazar Vigo” máis de 50 artistas tocarán en diferentes localizacións da cidade:

-Grupo Conexións Clásico Voz - Pazo de Castrelos

-Grupo Conexións Clásico - Adro da Colexiata

-Grupo Conexións Jazz - Rúa Rosalía de Castro / Miragaia

-Cámara D ́Ría - Exterior da Capela da Guía

-Felipe Villar Trío - Praza de Compostela

-Sonata Lunfarda Dúo - Ronda de Don Bosco

-Ghaveta - Baluarte do Diamante (Monte do Castro)

-Sicixia - Praza do Emigrante

-Kasuals - Villa Solita

-Alteanos - Rúa Príncipe (Fronte ao Marco)

-Fuzzo - Porta do Sol

-Zoqueiros - Samil (xunto á pista de patinaxe)

-Lume de Cana - Paseo de Bouzas

-Leni Pérez & Cantareiras - Exterior do Mercado de Teis

-Santi Meijide Dúo - Exterior do Mercado do Calvario

-Conxunto de Canto Mayeusis - Entrada do Sacro Corazón de Xesús •

O domingo, 8 de setembro, a rúa do Príncipe acolle o evento Flashmove, en colaboración cos comerciantes de Zona Centro, que organizan un mercado nas Galerías Durán. 30 músicos e outros tantos cantantes sairán tocando das galerías e iranse colocando enfronte do Marco, esperando que se sumen todas as persoas que queiran. Interpretarán o tema “Fillos da choiva e do mar”, de Ernesto Campos, dedicado á xente de Vigo.

E Conexións Vigo 2024 pecha o 19 de setembro ás 20 horas no Teatro Afundación cun concerto da Imagine Jazz Orchestra, a Sant Andreu Dixie Band e Edu Ferrer que farán unha homenaxe a Frank Sinatra. Ademais todos os músicos, alumnado de Mayeusis e coros da cidade interpretarán o tema “Fillos da choiva e do mar” na que será a presentación oficial do tema.

 

Descargar todas as imaxes