Escoitar

Vigo rexistra unha ocupación hoteleira récord no mes de agosto

O aeroporto da cidade tamén rexistrou unha das mellores ocupacións na serie histórica co liderado de Barcelona como ruta aérea con máis pasaxeiros nos voos que ofrece para conectar ambas cidades.

mércores, 4 set 2024

“Este ano está a ser un ano turístico excepcional”, expresou Abel Caballero ao dar a coñecer os datos de hoteis e pasaxeiros no aeroporto de Vigo durante o mes de agosto. En canto ás prazas hoteleiras, marcaron un novo récord cun 89,7% de ocupación. Este dato supón unha suba do 9% con respecto ao ano anterior. En canto á terminal viguesa, a ocupación foi do 85%, similar ao ano anterior.

En canto á procedencia dos turistas, o 6,3% chegan doutros puntos de Galicia, o 66% do resto de España e o 27,6% son internacionais. Dos estranxeiros destaca Portugal, cun 39% do total. Tamén Italia cun 14,5%. Séguenlles Francia (6,5%), Estados Unidos (6,3%), Alemaña (5,4%) e Reino Unido (4,8%). A estancia media dos turistas superou os dous días.

O alcalde celebrou os datos do aeroporto “que funciona a mercado salvo a ruta a Londres que é financiada polo Concello”. A ocupación dos voos a Barcelona obtivo unha media do 96% no mes de agosto. Londres e Palma de Mallorca rexistraron un 94,5%. Tenerife e Gran Canaria superaron o 85%, a conexión con Menorca foi do 83,5%, Lanzarote achégase ao 79%, Ibiza ao 60% e o voo a Santander rexistrou o 51,5% de ocupación.

Para Caballero “Vigo funciona como cidade turística, de negocios, congresos e en todos os niveis”.

Descargar todas as imaxes