O goberno municipal licita a obra da grada de Gol que completará o Estadio de Balaídos
Abel Caballero deu conta da aprobación da licitación para a construción da grada de Gol do Estadio Municipal de Balaídos cun importe de 25,5 millóns de euros, financiado ao 50% coa Deputación de Pontevedra. Tamén no ámbito deportivo o goberno local comeza coa tramitación para a renovación dos vestiarios de todos os campos de fútbol municipais.
O alcalde de Vigo deu conta da licitación para a construción da grada de Gol do Estadio Municipal de Balaídos. O importe, de 25,5 millóns de euros, será financiado ao 50% coa Deputación de Pontevedra.
Segundo describiu o rexedor, a grada de Gol “será unha copia da de Marcador, con proximidade ao terreo de xogo, bos asentos, boa visibilidade, cuberta e a estética dun gran campo de fútbol”.
“Estamos a construír un dos grandes estadios de estadios do mundo”, sentenciou o rexedor.
Amais, a Xunta de Goberno, tamén na área de Deportes, licitou a asistencia técnica para a renovación dos vestiarios de todos os campos de fútbol municipais, que suman 17 en total. “Terá un orzamento significado, pero haberá vestiarios como merecen”, afirmou Caballero.
O alcalde lembrou que o goberno local acometeu nos últimos anos a renovación do céspede sempre que foi necesario, e que agora é a quenda dos vestiarios, que será singular segundo as especificades de cada campo. “É un compromiso que asumín e cumprimos”, concluíu na súa intervención.