Escoitar

O alcalde avanza a programación do Centro de Documentación Feminista e os novos cursos do Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo

Abel Caballero deu conta esta mañá do inicio da programación do Centro de Documentación e Recursos Feministas de Vigo para os primeiros meses de 2024. Tamén oferta dous novos cursos de balde o Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo.

martes, 16 xan 2024

O Concello vén de poñer en marcha a programación do Centro de Documentación e Recursos Feministas de Vigo para os meses de xaneiro a marzo de 2024. Como relatou o rexedor, a dotación municipal acollerá actividades “gratuitas e diversas” como “faladoiros, presentacións de libros, ciclos de charlas sobre a obra das artistas galegas ou cafés literarios”. Tal e como explicou o rexedor, o centro “de divulgación de cuestións relacionadas co feminismo”, organizará estas actividades, “abertas para todas as mulleres e homes da cidade de Vigo”.

Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo

Caballero tamén avanzou esta mañá que o Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo oferta dous novos cursos gratuítos para este 2024, que “comezarán a próxima semana e desenvolveranse ata novembro” no Verbum, en horario de 17:00 a 20:00 horas.

O primeiro dos cursos tratará sobre a improvisación oral en verso, que ofrece un achegamento á improvisación (regueifas, brindos e xaneiras entre outras). Será os mércores e algúns venres de xaneiro a xuño, outubro e novembro.

O segundo dos cursos, narración oral-contacontos, inclúe tres módulos: contacontos, poesía e teatro. Será impartido por profesorado experto neste ámbito, os xoves e algúns martes de xaneiro a xuño, outubro e novembro. As persoas interesadas en participan poden inscribirse enviando un correo electrónico á dirección: actividades.snl@vigo.org.

Descargar todas as imaxes