O orzamento municipal de Educación ascende a 24,2 millóns de euros
O alcalde detallou este venres as partidas do presuposto para 2024 na área de Educación que se incrementa un 11% respecto ao 2023, o que supón 2,4 millóns de euros máis.
“É un orzamento excepcional, que aumenta en case 2,5 millóns de euros” para “seguir atendendo á xente na educación”. O goberno municipal destinará 5,8 millóns de euros ás axudas a familias para libros de texto, das que poderán beneficiarse 28.000 nenas e nenos cuxas familias recibirán 205 euros por cada filla ou fillo. “Somos o único municipio de España que paga estas axudas” para a educación Primaria, Secundaria Obrigatoria, Especial e Formación Profesional Básica.
O Concello mantén o convenio con Foanpas para as bolsas de comedor e as actividades extraescolares, que teñen un orzamento de 642.405 euros. A este importe cómpre sumar as axudas para libros, material escolar e comedor de Benestar Social por un importe de 1.427.700 euros. En total: 2.070.000 euros.
O programa de inmersión lingüística Vigo en Inglés contará cun orzamento de 3.000.000 de euros (546.600€ máis ca en 2023), dado que se produciu “un incremento de custo moi importante na estancia no Reino Unido e queremos seguir enviando cada ano entre 900 e 1000 mozas e mozos”. Amais, as bolsas para estudos internacionais que suman 175.000€ para a Escola Oficial de Idiomas
O orzamento municipal para 2024 contempla importantes partidas para a atención aos centros escolares: para a limpeza 3.594.185 euros, reparacións e mantemento de edificios de colexios 670.000 euros, mantemento de caldeiras calefacción e depósitos 139.194€, mantemento eléctrico: 45.000€, enerxía eléctrica: 1.025.000€, gas, combustible e carburantes: 70.000€ e para a vixilancia e pequeno mantemento ordinario dos centros escolares 925.000 euros. En total, o goberno de Vigo destina máis de 6.400.000 euros aos colexios públicos da cidade.
Aos ensinos especiais, Vigo dedica 2.225.000 euros: A Escola de artes e oficios ten un 100% de subvención, a Escola municipal de música un 70% de subvención, a Escola municipal de teatro un 75% de subvención, a Escola Municipal de música tradicional e folk-ETRAD un subvención do 90% e a Escola municipal de danza está subvencionada nun 96%.
O alcalde explicou que as escolas infantís municipais teñen un orzamento para 2024 de 2.400.000 euros e son “completamente gratuítas para as familias, son pagadas polo Concello, incluído o comedor”, un extremo que non ocorre no caso das escolas autonómicas, xa que o comedor non se subvenciona, tal e como apuntou. Amais, o goberno municipal paga dúas escolas infantís da Xunta de Galicia pola obriga que recolle “unha lei abusiva”, segundo valorou Caballero.
O orzamento de Educación dedica á Aula UNED no Auditorio Mar de Vigo case 700.000 euros, reserva partidas para as cubertas dos patios do colexio Javier Sensat, Villalaura e Frián-Teis, o programa Vigo Educa, a Biblioteca Navia, o Programa de educación básica de persoas adultas, actividades extraescolares e o alugueiro de locais educativos.
Orzamentados 5.200.000 euros para Emprego
Abel Caballero tamén deu conta dos 5.200.000 euros orzamentados para a Área de Emprego "cun énfasis importante na inserción laboral". O alcalde explicou a continuidade dos programas de emprego postos en marcha polo Concello como o Vigo Empresa, Vigo Capacita ou o asesoramento no Vigo Emprende. Caballero amais subliñou a importancia da obra pública que leva adiante o goberno local e que xera milleiros de empregos.
Outras das accións que leva o goberno local no seu Orzamento para 2024 e o apoio a feiras como Conxemar e Mindtech e a distintos foros de emprego.