O concello supera en outubro o millón de euros en axudas sociais
O Concello superou o pasado mes de outubro o millón de euros en Axudas de Emerxencia, segundo comunicou Abel Caballero. O albergue municipal conta con catro prazas libres.
Abel Caballero explicou que na última comisión da concellería de Política Social, celebrada o 31 de octubre, foron aprobadas 63 novas axudas, cun importe de 16.698 euros. Durante os dez primeiros meses do ano o Concello proporcionou axuda a 3.907 persoas, con importes que suman 1.002.607 euros.
Os datos recompilados por Política Social sinalan que preto da metade das axudas aprobadas na última comisión, un total de 28, concéntranse en tarxetas de alimentación. O alcalde indicou que alugueiro e aloxamento son as segundas demandas, con 20 apoios resoltos, e o pago de servizos básicos como auga e luz suman 15 apoios. Caballero lembrou que as axudas do Concello son compatibles co RISGA e co Ingreso Mínimo Vital.
Albergue municipal
O rexedor indicou que nestes momentos hai prazas libres no albergue municipal: tres de home e unha de muller. "Somos a única cidade de Galicia que conta con albergue", lembrou ao puntualizar que mentres "outros partidos falan, non teñen albergue municipal para atender ás persoas que o necesitan e non teñen onde durmir". En 2023 o goberno local destina ao albergue 1.100.000 euros, segundo lembrou o alcalde. "Á parte, ten un comedor social", sinalou.