O goberno local inviste 7,5 millóns en comercio e turismo
Abel Caballero anunciou este xoves que nos Presupostos de 2024 o goberno de Vigo destinará 7,5 millóns de euros a comercio e turismo, na senda de afianzar á cidade como un referente turístico nacional e de potenciar a todas as empresas dos dous sectores de actividade económica.
O orzamento de Comercio e Turismo para 2024 elévase a 7,5 millóns de euros, un 32% máis. O alcalde apuntou que a aposta se debe "ao noso desexo por atender ao comercio e ao turismo como potenciadores da actividade das empresas do sector".
Caballero remarcou que o investimento de 2,3 millóns de euros destinados á instalación de Nadal representan un efecto multiplicador na economía dos dous sectores porque “Vigo ten un retorno de 1.000 millóns de euros”, que asegura que se superará este ano. “É o gasto máis produtivo que se fai en ningunha cidade do mundo. Non hai nada igual a gastar pouco máis de 2 millóns e obter un retorno cuantificable de máis de 1.000 millóns”, recalcou.
O alcalde acusou á “estraña coalición do PP e BNG para pretender parar o Nadal da cidade”, porque “lle vai ben á cidade e eles non queren que lle vaia ben a Vigo”. Entre os proxectos para a Área de Comercio atópase a modernización do mercado de Teis, no que se investirán 700.000 euros. A estes sumaranse 75.000 euros do novo plan de dinamización comercial para potenciar o comercio local.
Turismo
Na Área de Turismo, Caballero colocou o acento nos 625.000 euros destinados ao voo a Londes. “Impórtanos moito porque é a conexión cun aeroporto que vai a todos os lugares do mundo e propicia a chegada de visitantes", afirmou.
O rexedor afirmou que, cos investimentos en turismo executadas polo goberno municipal, "Vigo converteuse na cidade turística máis importante de Galicia, e competimos coas máis importantes urbes de España, o que significa mobilización de comercio, de hoteis, restaurantes, cafeterías e contar con tempada alta practicamente durante todo o ano porque as fins de semana hai un nivel de ocupación total”. Defendeu que a transformación da cidade en referente turístico nacional “non choveu por graza divina, senón que tivemos que traballalo e facelo desta forma tan importante".
Nos novos orzamentos, Vigo Convention Bureau contará con 475.000 euros, e o plan de acción dixital do eixo turístico de Bouzas-Teis contará con 370.000 euros de axudas europeas. Os proxectos para 2024 inclúen o investimento de 300.000 para ampliala rede de mupis dixitais pola cidade, dentro do proceso de modernización do sistema de información. “Imos instalar grandes mupis que proporcionan unha gran cantidade de información”, avanzou Caballero. As novas contas inclúen 87.000 euros para feiras.
Igualdade
A Área de Igualdade rexistra un incremento do 13%, ata contar en 2024 cunha partida de 1.439.000 euros. Caballero incidiu en que centro de emerxencia para mulleres contará con 231.000 euros, aos que se suman 205.000 ao Plan de Igualdade e outros 136.000 para igualdade do deporte en feminino. O servizo de canguros, ou atención domiciliaria na infancia, contará con 180.000 euros. O alcalde detallou que os plans de igualdade terán 34.000, e que a dinamización da Casa das Mulleres e o convenio coa Rede de Mulleres Contra os Malos Tratos contarán con 70.000 euros.