Escoitar

O goberno municipal subvenciona a actividade de 45 asociación veciñais, culturais e deportivas

A Xunta de Goberno local aprobou este venres novas achegas para asociacións veciñais, deportivas e culturais da cidade, cun importe de 415.000 euros.

venres, 27 out 2023
Panorámica de Vigo
Panorámica de Vigo

Abel Caballero anunciou esta mañá que un total de 45 asociacións de Vigo recibirán subvencións da administración local para que poidan afrontar os gastos de mantemento e de funcionamento das súas sedes, así como para realizar investimentos e adquirir novos equipamentos. O alcalde explicou que dos 415.000 euros do conxunto das axudas, un total de 223.779 euros serán para as asociacións con sede propia de xeito que poidan afrontar os gastos de mantemento e outros 26.221 irán para organizacións sen local en propiedade.

A partida tamén contempla 26.211 euros para obras. As bases de adxudicación fixan que as asociacións con sede propia recibirán ata un máximo de 7.000 euros e ao resto aplicaráselle un tope de ata 4.000 euros.

As subvencións asígnanse en concorrencia competiviva, en función da puntuación obtida no baremo establecido polo Concello. "Transparencia total na asignación", afirmou o alcalde.

Prórroga do convenio coa Fundación Aldaba

O alcalde anunciou a prórroga do convenio asinado coa Fundación Aldaba para dar apoio familiar e social ás familias das vítimas de violencia de xénero que residen nunha das vivendas de protección da rede municipal. O Concello destina un total de 30.462 euros para ampliar a cobertura da axuda.

Caballero remarcou que o Concello de Vigo "dedica máis dun millón e medio de axudas ás familias vítimas da violencia machista,  e na loita contra as violencias machistas".

Colaboración coa Federación de Peñas “El Olivo”

Entre os acordos adoptados este venres pola Xunta de Goberno tamén se atopa o convenio coa Federación Viguesa de Peñas Recreativas “El Olivo” para organizar "dúas grandes festas do magosto" con motivo da festividade do San Martiño.

O Concello dará á asociación 9.500 euros para afrontar os gastos da celebración programada para a fin de semana do 11 e 12 de novembro, con repartición gratuíta de castañas tanto na Porta do Sol como na Avenida Eduardo Cabello de Bouzas.

Caballero anunciou que “toda a cidade está convidada a degustar o magosto e as castañas, porque os magostos de Vigo son os mellores do mundo”.

Descargar todas as imaxes