O Nadal de Vigo bateu o seu récord con 5.345.759 visitantes
Os datos presentados polo alcalde en rolda de prensa foron medidos a través dos teléfonos móbiles entre o 19 de novembro e o 15 de xaneiro. O retorno económico superou os 1.000 millóns de euros. Vigo foi o primeiro destino elixido por Portugal en época de Nadal, por diante de Madrid e Barcelona e a cidade recibiu máis turistas internacionais que municipios como Marbella ou Santa Cruz de Tenerife.
Vigo bateu o récord de visitantes no Nadal con 5.345.759 visitantes e sumou fitos históricos como ser o primeiro destino na época de Nadal para Portugal ou superar en turistas estranxeiros a destinos de temporada alta en decembro como Marbella ou Santa Cruz de Tenerife. Con estes datos desde o Concello calcúlase un retorno económico de máis de 1.000 millóns de euros, sen sumar o retorno económico que produce a propia cidadanía de Vigo.
Abel Caballero presentou os datos en rolda de prensa, medidos con teléfonos móbiles, polo que “estamos a falar de datos obxectivos, firmes e incuestionables”. O alcalde cualificou de “impresionantes” os datos, duplicando os de 2019, e detallou os datos do día de máis afluencia, o 27 de decembro: “Foi o mellor día. Achegáronse a Vigo 170.306 persoas, 26.682 internacionais, 49.834 nacionais e 93.790 da provincia de Pontevedra, excluído Vigo”, deu conta.
Caballero subliñou que os datos non contabilizan os os teléfonos móbiles das persoas que entran á cidade por motivos laborais ou por estudos, ademais de non ter en conta aos propios veciños e veciñas de Vigo. Con isto, o alcalde fixo a relación de turistas internacionais, sendo Portugal o que encabeza a lista con 140.118 persoas. “Portugal descubriu o Nadal de Vigo”, dixo o rexedor, que tamén explicou o que isto supón: “Vigo foi o destino preferido por Portugal no Nadal. Máis que Madrid e Barcelona. En 2019 fomos o octavo destino de Portugal, agora os primeiros. É un salto cualitativo importantísimo”. A Portugal séguenlle Francia (28.349), Reino Unido (18.210), Países Baixos (17.128), Estados Unidos (16.692), Alemaña (14.345), Suiza (7.138), Austria (6.440), Italia (5.159), Bélxica (4.288), Brasil (3.134), Arxentina (2.381), México (2.235), Filipinas (1.537) e Perú (1.296).
Vigo foi o destino do noroeste peninsular que recibiu máis turistas internacionais, por diante tamén por diante de municipios que en época de Nadal están en temporada alta, como Marbella ou Santa Cruz de Tenerife.
Caballero celebrou que o éxito de Vigo chegue a toda a provincia de Pontevedra: “Hai un efecto na provincia. Miles de persoas dormen noutros municipios. Isto fixo que Pontevedra sexa no mes de decembro a primeira provincia turística no noroeste peninsular”.
O Concello calcula un retorno económico da campaña de Nadal de 1.000 millóns de euros, ao que hai que sumar o propio gasto das persoas que veñen por traballo ou estudos e a propia economía dos vigueses e viguesas: “Nós tamén saímos máis, comemos máis, fomos a máis comercios... Isto non está contabilizado”. O alcalde tamén puxo de relevo a importancia de isto para a “Marca Vigo” á que se referiu como algo “importantísimo e cun valor incalculable que pon a Vigo no nivel de Madrid e Barcelona”.
Caballero definiu o Nadal e Vigo como fito no desenvolvemento turístico en Europa: “Non hai un caso igual, de cero a millóns de visitantes”, e vaticinou que “o próximo Nadal será aínda mellor”.
Aeroporto Vigo
O Aeroporto de Vigo rexistrou no mes de febreiro o mellor mes de febreiro en canto a pasaxeiros nos últimos 14 anos. O aeródromo volveu a superar o millón de viaxeiros nos últimos 12 meses. A media de ocupación das aeronaves é do 74,2% e Madrid e Barcelona están a ser os voos máis concurridos.