Concello e Goberno de España activan a humanización da AP-9 na cidade
O alcalde anunciou que está constituída a Comisión bilateral técnica entre o Concello e o Goberno de España para a humanización da AP-9 no tramo de entrada na cidade: “Tódolos acordos que tomo coa ministra de Transportes chegan a bo fin”, declarou en rolda de prensa.
O Concello e o Goberno de España manterán unha xuntanza técnica esta semana para comezar a “poñer en común” os elementos da humanización da AP-9 no tramo de entrada da cidade. Abel Caballero anunciou que xa está constituída a Comisión bilateral técnica entre ambas institucións co obxectivo “de xerar máis espazos humanos e de utilización” na contorna da autoestrada.
O alcalde saúda “con entusiasmo” comezar a traballar sobre unha cuestión “que leva máis de 30 anos pendente”, e que ten por obxectivo darlle “rango humano e estudar reformas” para a entrada da autoestrada na cidade.
“É unha magnífica noticia”, afirmou en rolda de prensa, onde asegurou que “todos os acordos que toma coa ministra de Transportes chegan a bo fin”.
Caballero lembrou que o acordo da creación dunha Comisión bilateral vén dunha xuntanza mantida en decembro co secretario xeral de Estradas, Juan Pedro Fernández Palomino, onde tamén abordaron a renovación do convenio para reforma e humanización da Avenida de Madrid e o desenvolvemento do túnel na A-55 entre Vigo e o Porriño, ademais da humanización da AP-9.