Escoitar

O II ciclo de Medio Ambiente e Cambio Climático aborda os lumes e a emerxencia climática

O Concello colabora co Club Peña Trevinca e a Universidade de Vigo na organización do II Ciclo de Montaña Medio Ambiente e cambio climático Cidade de Vigo, que se celebra do 21 ao 23 de marzo no Auditorio municipal.

martes, 14 mar 2023
Momento da presentación do Ciclo en rolda de prensa no Concello
Momento da presentación do Ciclo en rolda de prensa no Concello

Na presentación das xornadas, celebradas este martes no Concello, a edil de Medio Ambiente, Nuria Rodríguez, destacou o éxito da primeira edición e agradeceu que o Club Peña Trevinca aceptase a suxestión de que o evento contase cunha presenza destacada de mulleres e desexou “que o segundo ciclo sexa tan prolífico como foi o primeiro e que cada vez teñamos máis público e máis coñecemento”.

A escalada en Alaska, os lumes e a emerxencia climática son os temas nos que se centrará a segunda edición do ciclo programado arredor da celebración o 26 de marzo do Día Mundial do Clima. Tres relatorios, impartidos por mulleres, e a proxección de dous documentais conforman o programa deste ano, que arrancará o martes 21 coa deportista catalá Silvia Vidal, referente da escalada e o alpinismo a nivel mundial, Medalla de ouro da Real Orden do Mérito Deportivo en 2022.

O mércores 22 os incendios centrarán a segunda xornada do ciclo, que comezará coa proxección do corto documental O Son do Courel, ao que seguirá un relatorio da enxeñeira forestal pola UVigo, membro de Adega e experta en lumes forestais, Jenifer Souto.

O día 23 a catedrática en Xeografía pola Universidad de Sevilla e investigadora en cambio climático, Mª Fernanda Pita, será a encargada de pechar o ciclo, que comenzou o ano pasado como unha iniciativa do Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia, co obxectivo de sensibilizar aos socios e socias do club e ao público en xeral na defensa do medio ambiente.

Lois Faro, presidente do Club Peña Trevinca destacou a sensibilidade do club co medio ambiente, que se traduce na realización de diversas actividades ao longo do ano. “Logo de traer o ano pasado a tres homes, decidimos este traer a tres mulleres punteiras, cada unha na súa actividade, co obxectivo de sensibilizar á cidadanía sobre o medio ambiente e o cambio climático para minorizalo o máximo posible”, dixo Faro, que agradeceu a colaboración da UVigo e do Concello. A directora da Oficina de Medio Ambiente da UVigo, Delfina Couce, lembrou as funcións da área que dirixe e as actuacións que desenvolve, como “aforro de recursos enerxéticos, erradicación de invasoras, conservación, etc.”, ao tempo que puxo en valor a colaboración que desde hai anos manteñen co Club Peña Trevinca.

Momento da presentación do Ciclo en rolda de prensa no Concello
Descargar todas as imaxes