Escoitar

O goberno municipal suma dúas naves do Vao ás instalacións deportivas municipais

O alcalde informou este martes da adquisición directa de dúas naves existentes nunha parcela que linda co campo do Coruxo. Amais, a Xerencia de Urbanismo aprobou a licenza de obra para a rehabilitación dun edificio na rúa do Príncipe.

martes, 28 feb 2023
Caballero comparece en rolda de prensa este martes
Caballero comparece en rolda de prensa este martes

Abel Caballero valorou a adquisición destas dúas naves como “un novo avance nos estadios deportivos da cidade”, xa que servirá para dar servizos específicos deportivos, tanto ao propio Campo Municipal do Vao como a outras actividades deportivas dada a súa proximidade á praia.

A Xerencia de Urbanismo deu luz verde este martes á compra directa das dúas edificacións da parcela situada na Estrada O Vao-Coruxo, á altura do número 157, ao carón do campo do Coruxo. O valor das naves é de 363.000 euros e o obxectivo é destinalas a instalacións deportivas, tal e como explicou o rexedor. Podería servir, por exemplo, para instalacións de remo, xa que hai equipos que están facendo prácticas ao carón da Finca de Mirambel onde cómpre continuar as excavacións para seguir descubrindo villas romanas que, todo apunta a que hai máis restos, explicou.

Rehabilitación en Príncipe

O Concello vén de autorizar tamén as obras de reestruturación xeral e ampliación dun edificio existente entre medianeiras no número 25 de rúa Príncipe: “o único edificio que hai neste momento en estado lamentable nesa rúa, situado ao carón dun edificio comercial e enfronte do antigo edificio dos Almacéns Romero. Imos pechar a única ferida que quedaba aberta en Príncipe”, destacou.

O inmoble está composto de planta soto, planta baixa, tres plantas de piso e baixo cuberta que serán acondicionadas para uso comercial cun orzamento de 1.030.500 euros. A proposta consiste na reestruturación xeral do edificio para destinar todas as súas plantas, que estarán comunicadas por escaleira e ascensor, a uso comercial, excepto o baixo cuberta A proposta mantén as fachadas e os muros de pedra interiores e recupera carpinterías exteriores e elementos do interior. O edificio entra no Plan especial e catálogo complementario de edificios, conxuntos e elementos a conservar (PEEC) do Ensanche, polo que a obra deberá executarse “con tódalas garantías da preservación arquitectónica”, tal e como apuntou o alcalde.

Descargar todas as imaxes