Caballero aplaudiu aos centros de ensino e clubs polo Mini Cros Vigo, que reúne 3.800 participantes en sete probas
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou unha nova edición do programa Mini Cros Vigo de atletismo escolar, que ocupa aos e ás escolares da cidade e a súa comarca en probas atléticas dende a categoría pitufos a xuvenís. O Concello é patrocinador e a Asociación Xóvenes Atletas, clubs e os centros de ensino levan a organización.
Este ano serán sete as carreiras, de xaneiro (xa se celebrou o Memorial Andrés Abanqueiro no CUVI) a novembro, coa vindeira cita fixada para este domingo no colexio Monterrey, na Travesía de Vigo. O rexedor felicitou aos organizadores que lle acompañaron na rolda de prensa "polo voso papel na mobilización do atletismo escolar”, e comparou as carreiras dos máis cativos coa velocidade “dos pequenos esquíos”. Marzo será mes con dúas probas, pois o domingo seguinte correrase o cros Párroco Don Camilo, en San Andrés de Comesaña. O 23 de abril está fixado o Cros Mosteiro Bembrive e o 14 de maio, o Cros de Coutada Beade. Xa coincidindo co novo curso escolar 23/24 celebraranse as dúas últimas probas, o Cros Castro San Miguel no parque de Castrelos (22 de outubro) e o Cros Frián Teis o 12 de novembro. O programa reunirá a uns 3.800 atletas, con 300 participantes de media en cada unha das xornadas salvo en Castrelos, onde acudirán uns 2.000 atletas.