Escoitar

Inauguración da mostra sobre indios e esquimós, primeiros poboadores de Norteamérica

mércores, 30 mai 2001
imx283.jpg
O responsable de Cultura do Concello de Vigo, Carlos G. Príncipe, explicou que a mostra que acolle a planta baixa da Casa das Artes é a mellor exposición de divulgación científica que se vai poder ver este ano en Galicia e no norte de Portugal.

A mostra constitúe a reversión que fai a Fundación La Caixa este ano na cidade de Vigo para o disfrute da sociedade local, segundo afirmou o xerente da entidade financeira desta zona. O secretario xeral da Fundación La Caixa, Lluis Reverter, explicou que a exposición exhibe desde obxectos anteriores á chegada dos españois a América, ata verdadeiras obras de arte de gran valor étnico. Destacan tamén os documentais de comezos de século que serven para dar a coñecer as distintas formas de vida tradicionais e mailos rituais destes pobos americanos.

A exposición permite admirar unhas 250 pezas arqueolóxicas e etnográficas que pertencen ós Museos Reais de Arte e de Historia de Bruselas, a outros importantes museos de Bélxica e a coleccións privadas. A mostra divídese en grandes apartados que corresponden ás diferentes zonas xeográficas: o Ártico, o subártico, a costa noroeste, California, a meseta, a gran conca, as grandes pradeiras, os bosques, o sueste e o sudoeste.

O Ártico

Os actuais inuit son os descendentes dun reducido grupo de seres humanos que ocupaba a tundra ártica, entre Alaska e Groenlandia, hai seis mil anos. As condicións do contorno son extremas, con invernos longos, moi fríos e escuros e breves veráns de sol permanente. Fálanse tres dialectos dunha mesma lingua, esquimó –aleutiana-, e obsérvanse distintas culturas, resultado da adaptación a climas específicos. Todos os poboadores viven da caza e da pesca, pero as especies capturadas varían segundo as rexións. Para sobrevivir, os esquimós inventaron uns obxectos de grande enxenio e eficacia: a parka impermeable fabricada con vexiga de foca que permite protexerse da choiva e dos ventos xeados: as lentes de sol: os arpóns de pesca con lingüeta para impedir que a presa escape: o trineo tirado por cans para os desprazamentos e o kayak de madeira e pel de caribú, pequena embarcación manexable e insomerxible.

A área subártica

Esta inmensa área xeográfica, de máis de 3.000.000 de quilómetros cadrados, atravesa horizontalmente toda América do Norte. Na parte septentrional a tundra confúndese co Ártico, mentres ó sur esténdese a taiga, o gran bosque boreal. A temperatura en inverno acada os 40ºC baixo cero e, aínda que os veráns son suaves, as nubes de mosquitos poden obrigarlles ós poboadores a cambiar de campamento. Repartidos entre diferentes tribos, os grupos divídense en dúas entidades lingüísticas diferentes: os atapascanos ó oeste e os algonquinos ó leste. A subsistencia dos seres humanos baséase na caza, na pesca e na recolleita, de carácter estacional. En inverno, só a caza do caribú, sen a súa existencia sería imposible a vida no subártico, pón garante a alimentación.

A costa noroeste

Forma unha estreita franxa de terra entre o océano Pacífico e unha barreira de montañas ó longo do litoral, e esténdese entre o sureste de Alaska ata o estado de Oregón, ó longo de 2.500 quilómetros. O clima é temperá e chuvioso, beneficiándose dos cálidos ventos mariños e do illamento que proporciona a cadea montañosa. Os pobos que habitan a zona son diversos, pero presentan riscos comúns: unha forte dependencia dos recursos do mar: a utilización xeneralizada da madeira, tanto na construcción de casas e canoas como na fabricación de utensilios de cociña e obxectos rituais. Os pobos da costa noroeste son os grandes artistas de América do Norte.

California

O clima californiano é cálido e o contorno ofrece paisaxes variadas: no norte atópanse os bosques de sequoias, nas zonas centrais dominan os carballos e no sur as carqueixas. Antes da chegada dos españois, habitaban a rexión numerosos grupos tribais independentes que falaban máis de cen linguas. Moitos foron exterminados durante o século XIX, especialmente como consecuencia da febre do ouro. A súa forma de vida só puido reconstruírse baseándose no estudio de pequenos grupos residuais. Os recursos nutritivos dependían das rexións: os hupas pescaban o salmón e colleitaban landras, mentres que os maidus debían complementar as súas precarias doses de proteínas con larvas, saltóns e vermes. A habilidade esencial das mulleres era a cestería.

A meseta

Esta rexión posúe unha grande beleza natural: suaves chairas regadas por ríos cargados de peixes, pechadas entre círculos de montañas poboadas de árbores: vales cubertos de neve en inverno, e veráns cálidos. Dende o punto de vista cultural e lingüístico a rexión confúndese coas veciñas pradeiras do este e coa gran conca sur. Na meseta non atópase o bisonte, pero si outros mamíferos en gran abundancia: alce, cervo de Virxinia, caribú, lebre, cabra montesa... O peixe constitúe a principal fonte de proteínas, especialmente o salmón. A partir do século XVIII, os cabalos transformaron o modo de vida de moitas tribos, que, gracias á maior mobilidade, puideron dirixirse ás pradeiras para cazar o bisonte.

A gran conca

No centro e no sudoeste, o río Colorado formou inmensos canóns: ó norte e leste estendense amplas chairas: bosques de coníferas cobren as montañas. A lingua dominante é a dos shoshóns. Os cazadores –recolectores tradicionais explotaban os recursos naturais: cebolas e pataca india, xirasol, piñón e leituga silvestre. A caza limitábase á cabra, o antílope e a lebre, pero os habitantes do leste capturaban tamén o bisonte. A partir de 1840, o descenso dos rabaños obrigoulles a estas tribos a emigrar cara ás pradeiras, onde deberon enfrontarse a poboacións equipadas con armas de fogo. Isto levou ós shoshóns a converterse en “escarvadores”: extraían raíces e plantas silvestres coa axuda de bastón puntiagudo.

As grandes pradeiras

Esténdese dende Texas ata o Canadá e dende as Montañas Rocosas ata as concas dos ríos Mississipi e Misuri. As poboacións estaban divididas en seis familias lingüísticas diferentes, pero os grupos entendíanse por medio dunha linguaxe de signos moi desenvolvida. As pradeiras son o reino do bisonte e todas as tribos participaban en maior ou menor medida na súa captura. Os nómadas habitantes do tipi formaban orixinariamente pequenos grupos familiares que se desprazaban a pé, e non dispoñían doutro animal de carga có can. Durante a segunda metade do século XVIII, a adopción do cabalo permitiulles converterse nos lendarios cazadores que loitaron contra os brancos. Ó leste as pradeiras habitaban tamén grupos sedentarios que dispoñían de aldeas permanentes e cultivaban millo, xudías e cabazas.

Os bosques

Os bosques esténdense pola zona pouco definida entre o Atlántico e os grandes lagos. Os seus habitantes falan seis linguas principais con moitas variantes, aínda que poden clasificarse todas en dous familias: a algonquina e a iroquesa. Algúns grupos eran sedentarios, como os iroqueses cultivadores de millo e xudías, mentres outros eran nómadas que vivían da caza, a pesca e a recolleita. Capturaban o caribú, o gamo e o alce, e tamén linces, lontras , raposos e castores. As peles servían para confeccionar prendas de abrigo, mocasíns, mantas e fitas para as raquetas. En situaciones de perigo, as tribos establecían alianzas, como a Liga das Cinco Nacións dos iroqueses.

O sureste

A chaira que bordea o Atlántico e o Golfo de México forma, xunto á península de Florida, á área cultural do sureste. Son terras fértiles regadas por ríos e o delta do Mississipi. Os habitantes cultivaban o millo, as xudías e a cabaza mentres que a caza e a pesca eran actividades complementarias. Cando, en 1540, o español Hernando do Soto chegou ó val do Mississipi atopou os natchez vivindo en aldeas de casas cadradas rodeadas dunha cerca. O contacto cos europeos resultou, unha vez máis, fatal para as poboacións autóctonas: a variola, a expoliación das terras e a substitución dos autóctonos por xentes brancas ou africanas perturbou de tal xeito a vida das tribos que todos os intentos realizados dende finais do século XIX para estudiar a súa cultura resultaron inútiles.


O sudoeste

Co corazón en Arizona e Novo México, a área sudoeste goza dun clima seco e cálido, cun inmenso deserto e montañas e mesetas nas que crecen bosques de abetos e piñeiros. É dos poucos lugares onde as primeiras nacións continúan ocupando as súas terras ancestrais. Os grupos agricultores, entre os que se atopan os pobos, viven ás beiras dos ríos en fermosos poboados permanentes cunha arquitectura herdada do pasada e mantendo un rico sistema cerimonial. Na antigüidade, as tribos nómadas, como os navajos e os apaches, subsistían gracias á caza e á recolección, pero tamén á pillaxe: na actualidade dedícanse ó pastoreo e á realización de xoias e mantas. Os pobos reciben o seu nome dos españois, que chegaron en 1539 e permaneceron alí durante tres séculos.

Descargar todas as imaxes