Escoitar

Aprobadas as bases da convocatoria para a dirección do Museo de Arte Contemporánea

martes, 29 mai 2001
imx276.jpg
A Comisión de Goberno aprobou as bases da convocatoria para a selección dun técnico superior encargado da elaboración, seguimento e implantación dun proxecto de xestión organizativo e funcional para o Museo de Arte Contemporánea.

A duración do contrato será dun ano, prorrogable excepcionalmente ata un máximo de dous. Nese tempo, deberá estar elaborado o proxecto de implantación museística que conterá unha memoria, un estudio sobre as distintas fórmulas de ordenación da actividade museística no ámbito da producción, exhibición e investigación das artes e culturas contemporáneas e, particularmente, a súa relación co territorio de alcance metropolitano, con Galicia e coa Eurorrexión.

Terá que contemplar tamén un estudio de viabilidade e análise comparativa das posibles formas de xestión propostas para a implantación do museo. O estudio económico financeiro para a implantación do proxecto realizarase segundo os distintos modelos de xestión propostos.

Conterá un programa de implantación do proxecto por etapas, segundo as distintas formas de xestión, un programa de necesidades e un estudio organizativo e funcional dos recursos humanos necesarios para a implantación do proxecto museístico.

O estudio técnico deberá conter a configuración e deseño dos distintos espacios expositivos do museo, con especificación das condicións técnicas precisas de luminosidade, climatización e seguridade, entre outros.

Realizarase un estudio sobre as distintas fórmulas de financiación e captación de recursos económicos externos para o desenvolvemento do proxecto e outro para a incorporación ás redes internacionais de arte e avaliación dos requerimentos do centro para o cumprimento dos ryder internacionais de producción artística.

A elaboración do proxecto conlevará o asesoramento técnico e a supervisión dos traballos de habilitación necesarios para a implantación do proxecto museístico, así como de todas aquelas materias que constitúan o obxecto do proxecto.

As bases publicaranse no Diario Oficial de Galicia e no Taboleiro de Edictos da Casa do Concello.

Fase de concurso

O baremo de méritos establece que en canto ó coñecemento e experiencia profesional de carácter directivo nas redes internacionais de arte contemporánea valorarase con 0,20 puntos por ano, ata un máximo de 5 puntos. Non serán obxecto de valoración o desempeño daqueles traballos que, aínda que versen sobre a arte contemporánea, non conleven o exercicio de funcións de máxima responsabilidade ou dirección.

Pola participación en cursos, masters ou seminarios relacionados coa arte contemporánea, a puntuación máxima non excederá de 2 puntos.

Outorgaranse dous puntos por posuír unha ou máis titulacións universitarias superiores, ademais da esixida para participar na convocatoria, e outros dous, por estar en posesión do doutorado universitario. Por estar en posesión dos cursos oficiais de iniciación e de perfeccionamento de galego concederanse 0,25 puntos por cada un.

Oposición

Realizarase un exame escrito de carácter práctico relacionado co obxecto do contrato e puntuarase ata un máximo de dez puntos, debendo o aspirante obter un mínimo de cinco puntos para superar a proba.

Farase un exame de coñecemento de dous idiomas da Unión Europea, con exclusión das linguas oficiais do territorio nacional, que se puntuará de cero a tres puntos.

A entrevista persoal terá por obxecto valorar o nivel de asimilación dos méritos acreditados polo aspirante, a súa iniciativa e capacidade de desenvolvemento na materia obxecto da contratación. Valorarase ata un máximo de tres puntos.

A puntuación de cada aspirante nos diferentes exercicios da fase de oposición será a media aritmética das cualificacións de tódolos membros do tribunal asistentes á sesión. Será proposto para o traballo o candidato que obteña maior puntuación sumando as cualificacións conseguidas na fase de concurso e mais na oposición.

A xornada de traballo será de 37,5 horas semanais, a tempo completo, e o salario bruto establécese en 9 millóns de pesetas anuais.
Descargar todas as imaxes