Escoitar

O Concello de Vigo adhírese á solicitude de abolición da débeda externa dos países en desenvolvemento

luns, 28 mai 2001
O Pleno da Corporación aprobou, por unanimidade, a moción na que se insta ó Goberno central a que cancele a débeda externa que teñen con el os países empobrecidos e que o importe do pagamento anual sexa destinado ó seu propio desenvolvemento. O Concello de Vigo expresou tamén o seu apoio á campaña ”Adeus ás armas”.

O Consello de Cooperación Internacional propúxolle á Corporación municipal unha moción de adhesión para a abolición da débeda externa para os países empobrecidos do planeta. Pedía, ademais, que os tribunais investiguen o enriquecimento ilícito que os países máis poderosos están a obter con estes préstamos e que as cantidades sexan devoltas ós países de orixe.

Facilitar, de acordo coas competencias legais establecidas, a realización de consultas sociais en datas de eleccións, segundo o principio constitucional polo que lle corresponde ós poderes públicos facilitar a participación da cidadanía na vida política, é outra das propostas que incluía o acordo.

Esta moción trasladarase ó presidente do Goberno do Estado español, ó Ministerio de Economía, ó Ministerio de Exteriores, ó Ministerio de Xustiza, ó Concello de Madrid e á Asemblea da Comunidade de Madrid, así como ás entidades financeiras privadas creditoras e ás persoas representantes da Rede Cidadá para a Abolición da Débeda Externa.

O Concello de Vigo expresou, así mesmo, o seu apoio á campaña ”Adeus ás armas” para o control das armas lixeiras que levan adiante Amnistía Internacional, Greenpeace, Intermón e Médicos Sen Fronteiras co apoio doutras 13 ONG´s.

Tendo en conta que España exportou armas lixeiras por valor dunha media anual de 11.000 millóns de pesetas entre 1992 e 1998, e por máis de 12.000 millóns de pesetas en 1999, ínstaselle ó Goberno central a promover e financiar programas de recompra e destrucción de armas lixeiras en países onde proliferen de xeito descontrolado, de desmobilización de combatentes e atención ás víctimas, especialmente a través da Axuda Oficial ó Desenvolvemento.

Outras mocións

Non se aprobou a moción do Grupo municipal do PSdeG-PSOE sobre a iniciación de expediente de modificación e rescate parcial de concesión de aparcadoiro na rúa Urzaiz efectuada a favor de Tranvías-Eloymar. O alcalde anunciou a celebración dun Pleno extraordinario en xuño para tratar sobre a modificación do proxecto constructivo do parking de Urzaiz, para que a Corporación municipal tome unha decisión política ó respecto.

Tampouco se aprobaron as mocións sobre reparacións na conducción de augas residuais na praza da Pedra nin sobre a reapertura da ludoteca de Lavadores.

Por outra parte, rexeitáronse as mocións presentadas polo Grupo municipal do Partido Popular sobre o arranxo de problemas de tráfico na Praza Elíptica, sobre actuacións no paseo das Avenidas e sobre actuacións especiais de limpeza na cidade. O Goberno municipal coincidiu en explicar que xa existen programas en desenvolvemento para efectuar estas propostas.