Escoitar

A Fundación La Caixa e o Concello de Vigo presentan a exposición ”Indios e Esquimós”

martes, 29 mai 2001
Moito tempo antes de que os europeos descubrisen o Novo Mundo a finais do século XV, habitaban en América do Norte diversas civilizacións: os inuit do Ártico, máis coñecidos entre nós como esquimós, os pobos hurón e iroqués dos bosques, os cherokees do sudeste, os siux, os comanches e os cheiéns das chairas, os apaches e os navajos do sudoeste.

Estes primeiros pobos vivían dispersos nun territorio que se estendía desde Alaska ata a fronteira que separa Estados Unidos e México e que comprendía Canadá e Groenlandia. Entraran en América polo estreito de Bering había máis de 15.000 anos. Eran cazadores que perseguían mamuts, bisontes e cabalos salvaxes.

A exposición ”Indios e esquimós. Culturas indíxenas de Norteamérica”, organizada pola Fundación La Caixa, en colaboración co Concello de Vigo, ofrece unha mostra da diversidade cultural daquelas poboacións ó longo duns 2.000 anos da súa historia, é dicir, desde as primeiras nacións autóctonas ata os nosos días.

A mostra foi producida polos Museos Reais de Arte e de Historia de Bruxelas. Comisariada por Segio Purin, poderase visitar na Casa das Artes (Policarpo Sanz, 15) do 31 de maio ó 1 de xullo.