O alcalde avoga pola “valentía de defender a igualdade” ante a mocidade
O alcalde asistiu este luns, xunto á presidenta da Deputación de Pontevedra, ao acto de peche do programa Gegame, que emprega o videoxogo como ferramenta para promover a igualdade de xénero nos centros educativos. Desenvolveuse durante dous anos entre España, Irlanda, Hungría, Turquía, Romanía e Portugal.

O Auditorio Municipal acoller o evento no que participaron centros educativos da cidade e da contorna que participaron neste proxecto. Abel Caballero trasladoulle á mocidade presente o cambio que supón o emprego da tecnoloxía na vida das persoas: “están a cambiarnos a vida, pero hai que aplicarlles valores. O máis importante é o da igualdade. Temos que conseguir unha igualdade total, que sexa unha cultura e impregne toda a sociedade”.
Así, apuntou que “a desigualdade en términos de xénero e sexo é un mal da sociedade, máis a violencia machista, que se materializa tamén polas plataformas dixitais. A valentía da sociedade é defender a igualdade, que a igualdade non sexa unha palabra senón unha actitude, unha cultura. Confío na vosa capacidade”, referíndose aos estudantes presentes no Auditorio.
Pola súa banda, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva sinalou que desde as administracións públicas “temos que facer un esforzo en educación para que vós – a mocidade- levantedes a bandeira da igualdade e consigades unha sociedade máis comprometida. Sei que cambiaredes o mundo desde a igualdade”.


