Caballero anima ás nenas e nenos a gozar de Vigolandia 2022
A XVIII edición de Vigolandia desenvólvese no Recinto Feiral de Vigo desde o vindeiro 26 de decembro e ata o día 30 cunha oferta de lecer infantil e xuvenil con actividades que van desde obradoiros de cociña ata inchables ou deportes.
O alcalde presentou este luns en rolda de prensa a nova edición de Vigolandia xunto ao xerente do Ifevi, Arsenio Prieto, recomendando a tódalas nenas e nenos que “non perdan” esta oferta de ocio e diversión que “sempre foi extraordinaria e este ano vai ser excepcional”.
Arsenio Prieto, xerente Ifevi, agradeceu o apoio do Concello para poder desenvolver esta actividade que é “a única” que organiza o Ifevi directamente polo que é “entrañable e moi bonita para nós”
Entre as actividades que se ofrecerán aos asistentes hai inchables de grandes dimensións: unha pista de obstáculos de 150 metros de longo ou unha ponte tibetana de 50 metros unida a unha gran tirolona de 53 metros. Ademais haberá obradoiro de minichefs, xogos de mesa (xadrez, damas, dominou, parchís…), futbito, baloncesto e bádminton, animación e maquillaxe, karaoke, obradoiro de manualidades ou un parque infantil de educación viaria da Policía Local. Outra das citas clásicas de Vigolandia é o Certame de Pintura co lema “As luces de Vigo en Nadal”, un clásico nos colexios de Vigo que contará coa participación de case de 50 centros educativos.
Vigolandia 2022 celébrase no Ifevi desde o 26 ao 30 de decembro con horario de apertura desde as 12 da mañá ata as 20 horas da tarde, agás o 26 de decembro que abre entre as 16 e as 20 horas. A entrada custa 6 euros. Contará cun punto de recollida de xoguetes e alimentos non perecedoiros
Na presentación estiveron presentes tamén algúns dos patrocinadores de Vigolandia: Andrés Rey, de Alcampo; Gregorio Álvarez, da Mancomunidade de Montes de Vigo; Manuel Pereiro, de Always TM (Tenis de mesa); José Antonio Pérez e Ventura Sobrino, de Riescontrol correduría de seguros; Manuel Thomas e Cristina Gaona, de Aldeas Infantiles e Rosa Rivero e Yolanda Monroy, da Asociación Vodea.