Escoitar

O Marco exhibe a obra de 21 artistas residentes na Academia de España en Roma

A inauguración este xoves de “Processi 148. Artistas e investigadores en residencia na Real Academia de España en Roma” abre os actos de celebración do 20 aniversario do Museo de Arte Contemporánea de Vigo.

xoves, 10 nov 2022
O alcalde con parte dos artistas que conforman a mostra
O alcalde con parte dos artistas que conforman a mostra

O alcalde participou na posta en marcha da exposición que permanecerá aberta no primeiro andar do Marco ata o vindeiro 5 de febreiro. Trátase dunha produción da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento e a Real Academia de España en Roma comisariada por Enrique Bordes. Xunto ao comisario, no acto estiveron presentes Miguel Fernandez Cid, director do MARCO, Ángeles Albert, directora da Real Academia de España en Roma, e Elena González, xefa de Departamento da AECID.

Abel Caballero eloxiou o labor do Marco ao longo destes primeiros vinte anos de traxectoria na cidade así como o importante traballo da Academia Roma na formación dos artistas. Amais celebrou que “a grande exposición Processi 148” sexa o punto de partida da conmemoración dos vinte anos de historia do Marco.

Academia Roma. Processi 148 reúne proxectos de moi diversas disciplinas que van dende a pintura ao deseño de moda, pasando polas artes escénicas, fotografía, gravado, videoarte, literatura, música, mediación artística, escultura e gastronomía. É o resultado de meses de traballo, de concepción de ideas retroalimentadas e experiencias compartidas froito do programa anual de bolsas que convoca o Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación a través da AECID, que formula unha presentación colectiva destes traballos en Italia e en España.

Os artistas que amosan o seu traballo son Irene de Andrés, Toni Amengual, Natividad Bermejo, Gadea Burgaz, Alán Carrasco, Sara García, Gonzalo Golpe, Maral Kekejian, Yeyei Gómez, Cristina Morales, Virginia Morant, Carlos Pardo, Txuspo Poyo, Javier Quislant, Muriel Romero, María del Mar Sáez, Shirin Salehi, Miguel Torres, Elo Vega, Leire Vergara e Ángels Viladomiu.

A Real Academia de España en Roma converteuse nunha das residencias artísticas máis importantes de España, similar a outros centros de creación de referencia internacional.
Dende 1873, ano de nacemento da Real Academia de España en Roma, máis dun milleiro de bolseiros viviron en Roma dando vida a importantes proxectos durante a súa estanza na cidade, e consolidando cada vez máis o papel da Academia como centro da cultura española no estranxeiro.

 

 

O alcalde con parte dos artistas que conforman a mostra
Descargar todas as imaxes