Concello e Adif ratifican o convenio de cesión de solo que permitirá alongar Serafín Avendaño ata Isaac Peral
Alcalde e responsables de Adif refrendaron esta mañá o acordo de cesión ao Concello de solo destinado a viario público. Trátase de dúas parcelas que permitirán prolongar Serafín Avendaño constituíndo unha alternativa de circulación paralela a García Barbón para acceder a Isaac Peral.
Concello e Adif ratificaron esta mañá o convenio asinado o pasado verán para a cesión á cidade de dúas parcelas pertecentes á antiga liña ferroviaria de baixada ao porto e a transmisión ao seu favor dunha parcela municipal en Aragón. En rolda de prensa, o alcalde puxo en valor un acordo que permite abrir unha rúa nova, continuando Serafín Avendaño ata case Isaac Peral.
O convenio ratificado esta mañá establece a cesión ao Concello de solo destinado a viario, propiedade de ADIF e ocupado actualmente por unha vía pública, situado en Serafín Avendaño de 540 metros cuadrados de superficie. En virtude do mesmo, o Concello compensa a Adif coa transmisión ao seu favor da propiedade dunha parcela municipal de 534 metros cuadrados situada na rúa Aragón con uso asignado de vivenda colectiva e edificabilidade de 1.115 metros cadrados.
Ademais desta permuta, o convenio establece tamén a cesión anticipada de uso provisional e gratuíta doutros dous terreos pertencentes á antiga liña ferroviaria de baixada ao porto vigués. A primeira das parcelas está situada na rúa Canadelo Baixo, cunha superficie de 2.143m2, sobre a que se abrirá unha vía de 16 metros de ancho que conectará Canadelo Baixo con García Barbón, utilizando a traza do antigo ferrocarril. A segunda parcela, situada en Callao ten 780m2, e permitiralle ao Concello mellorar de forma urxente o acceso viario ás Oficinas da Dirección Provincial da Tesourería Xeral da Seguridade Social. Tal e como explicou o alcalde, esta parcela integraríase no viario de nova creación que constitúe unha alternativa de circulación paralela a García Barbón para chegar ata Isacc Peral.
En rolda de prensa, Caballero agradeceu a Adif o “excepcional” trato que mantén coa cidade e avogou por “seguir facendo rúas, humanizando e mellorando a vida da xente”.