Escoitar

O Pleno aproba o crédito extraordinario por importe de 32,8 millóns de euros

O alcalde valora a modificación orzamentaria como “unha das grandes accións inversoras na historia da cidade. A Corporación municipal deu luz verde ao trámite na sesión extraordinaria celebrada este mércores cos votos en contra do grupo mixto e do concelleiro non adscrito e coa abstención do PP.

mércores, 9 nov 2022

O Pleno Municipal vén de aprobar o crédito extraordinario con remanente líquido de Tesourería por un importe superior aos 32,8 millóns de euros cos que financiará obras “desde a Porta do Sol a Navia”, apuntou o rexedor, que citou algunhas: pista de skate cuberta en Navia, a remodelación da Praza Elíptica, o aparcamento Matamá e a renovación da Praza de San Mauro, o mercado de Teis, melloras no Castro, a biblioteca de Teis, o ámbito da ETEA, a estrada Garrida -Porto, a cubrición do colexio Frián-Teis, a humanización de Aragón ou Purificación Saavedra, entre outras e a continuación das obras na contorna de Vialia.

“Esta é a nosa forma de funcionar: somos a cidade coas mellores finanzas de España, coa presión fiscal máis baixa de Galicia e das máis baixas de España, co teito de gasto e con pagamento a proveedores en nove días”, resumiu.

No debate plenario, o concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros explicou que o goberno municipal quere con esta modificación “seguir transformando a cidade con recursos propios sen recorrer ao endebedamento” cun “investimento produtivo porque se hai investimento hai crecemento”.

O concelleiro non adscrito, Xabier Pérez Igrexas, cualificou de “farsa” a modificación de crédito que está “feita para non executar” mentres Rubén Pérez Correa, edil do grupo mixto, referiuse ao trámite como un “debate recorrente” no que o “concelleiro fai un spot publicitario”. O voceiro popular, Alfonso Marnotes, criticou que os 33 millóns de euros non “son financiamento extra, son do ano pasado e non os gastaron”.

Jaime Aneiros replicou que dos 39 millóns de euros orzamentados este ano para investimentos, “39 están comprometidos a día de hoxe. Con nós, Vigo avanza e engadimos 33 millóns de euros para facer de Vigo a mellor cidade para vivir”.

Descargar todas as imaxes