O presidente da FEMP reclama reequilibrar a arquitectura do Estado
“Necesitamos todas as nosas competencias, sen intromisións nin intermediarios. E, por iso, necesitamos respecto institucional”.
Abel Caballero asegurou hoxe no almorzo Nova Economía Fórum que a “Constitución só dedica tres artigos ás Entidades Locais. A arquitectura do Estado está nesgada e é hora de reequilibrarla porque os concellos de 2022, non son os de 1976 ou 1977 agora son un núcleo central, a administración do diálogo constante e a eficacia”. Como exemplo da situación actual, Caballero destacou o papel das entidades locais na xestión directa dos fondos europeos, criticou os casos de falta de eficacia por parte de comunidades autónomas na repartición destes e abordou desafíos como as Zonas de Baixas Emisións ou a “imprescindible” transformación do urbanismo e a súa lexislación.
Como exemplo dese “desequilibrio”, o presidente da FEMP falou de “intromisións intolerables” e, mesmo, de políticas decididas polas comunidades autónomas que supoñen unha carga económica ás entidades locais. Ante esta situación, Caballero lembrou que hoxe os concellos “non son débiles”, como nos anos setenta, son “núcleo central, somos os que vertebramos e articulamos o país”, pero “non atopamos o “respaldo” necesario “no ámbito legal, nin sequera no Constitucional”.
“O que pedimos as entidades locais é exercer as nosas competencias sen intromisións, poder ter unha interlocución sen intermediarios e respecto institucional”, explicou. Nesta liña, lembrou que “queremos un diálogo coas autonomías e co Goberno de España” como “iguais, porque as entidades locais, somos Estado”. Ademais, “desde o local construímos cidade e construímos país”, o traballo dos gobernos locais, asegurou Caballero, minimiza as fronteiras ideolóxicas, porque “ata os concellos máis diversos atopan puntos de vertebración”.
Sobre o traballo que une ás entidades locais, o presidente da FEMP destacou que a acción local debe estar cimentada no “diálogo, no contacto”. Ese labor da “administración máis próxima” busca un novo modelo de cidade que, destacou, quere ser verde, ofrecer novas formas de transportes, permitir desenvolver a vida en 15 minutos, crear espazos de convivencia, para a cultura e o deporte e recuperar os lugares históricos.
Fondos Next Generation, Urbanismo e ZBE
Para este proceso, destacou, as entidades locais hoxe conta cos Fondos Europeos Next Generation. “Os máis importantes da historia de Europa”, explicou. Uns recursos que superaron as demandas locais porque, como destacou, “reclamabamos ao Goberno de España o 14% dos fondos e, hoxe, case triplicamos esa demanda, hoxe estamos máis preto do 40% que do 30%”; aínda que engadiu, “se no canto do 40%, os concellos recibisen o 60% a execución sería moito máis rápida e eficiente”. A outra cara da moeda, expuxo Caballero, represéntana as transferencias de fondos europeos que reciben as entidades locais das comunidades autónomas. Sobre este tema, Caballero asegurou que, no caso de Vigo, é de 0 euros. A nivel nacional, explicou que “as comunidades autónomas non están a ser eficientes e non fan convocatorias”.
Outro dos temas que se abordaron no diálogo é o urbanismo. Caballero puxo unha cifra #ante o reto de garantir a seguridade xurídica nos procesos urbanísticos: de cada 100 plans, 90 anúlanse. Nesta liña, pediu “diferenciar o substancial do emendable”, porque “necesitamos esa certeza para transformar as nosas cidades”. “Estamos ante o reto de facer un novo urbanismo que nos permita ofrecer vivenda, afastar a especulación do sector e corrixir os erros do último século á hora de facer cidade”, engadiu.
Outro dos retos para “facer cidade” é a implementación das Zonas de Baixas Emisións que son, para o presidente da FEMP, “imprescindibles”. Sobre esta materia, Caballero aclarou que a FEMP pide “ir facendo unha aproximación e aprendendo sobre a marcha sobre algo moi complexo que é o establecemento de ZBE”. Un exemplo, desde a súa experiencia como alcalde de Vigo, é o “controlar os coches que entran e que saen, non podes parar cada coche. Hai que buscar un sistema técnico que nos permita identificar as matrículas. Iso require, nunha cidade como Vigo, un investimento de 2 millóns de euros. Necesitamos o tempo de facela”. Por iso, pediu diferenciar entre “ter concluído o proceso e estar no proceso de establecementos de ZBE”.
Tempo de diálogo
Antes de concluír este Almorzo Informativo, o Presidente da FEMP puxo en valor o diálogo. Nun momento de incerteza, con retos nacionais como a convivencia ou o diálogo social, con episodios como a folga de transporte actual, e grandes desafíos que ameazan a estabilidade internacional como a ofensiva rusa contra Ucraína, Caballero lanzou un chamado ao “diálogo político”. “En España debemos lanzar proceso de cohesión e iso conséguese con diálogo político e o camiño é volver á política”, asegurou o alcalde de Vigo.