O alcalde presenta a rexeneración de Samil “con máis praia e máis e mellor paseo”
O proxecto foi aprobado pola Xunta de Goberno cun importe de 4.094.000 euros para “unha nova dimensión da praia e avenida de Samil cun respecto absoluto ao medio ambiente e a recuperación das dunas”.
A praia de Samil gañara 25 metros de ancho e 450 metros de novo paseo retranqueado desde a praia da Fonte ata as pistas de patinaxe. Abel Caballero detallou o proxecto da rexeneración de Samil na súa primeira fase, que, segundo avanzou, tamén supón a humanización da avenida.
“É unha nova dimensión, cun respecto absoluto ao medio ambiente a recuperación da praia. O muro foi unha obra que estivo ben fai 50 anos, agora xa non se poden facer paseos así no século XXI”, explicou.
A zona peonil estará retranqueada 25 metros e terá 12 metros de ancho. O novo paseo será de material ecolóxico e unha parte discorrerá polo medio do piñeiral. “Haberá unha maior visión da praia. Seguirá a ser unha praia de paseo”, dixo o rexedor.
A Xunta de Goberno aprobou o proxecto cun importe de 4.094.000 euros e un prazo de execución de dez meses: “Comezamos a licitación e inmediatamente a obra”.