Vigo acolle da man da Deputación e a FEMP a primeira xornada centradas nas políticas públicas de igualdade
Abel Caballero: “A Igualdade está sendo atacada e non se poden lexitimar ideas que van en contra da metade da poboación, de dereitos tan importantes”
A Casa das Artes de Vigo vén de acoller “Os gobernos provinciais pola igualdade efectiva”, o encontro da Comisión de Deputacións, Cabidos e Consellos Insulares da FEMP impulsado pola Deputación de Pontevedra e o Concello de Vigo no que se deron cita representantes das deputacións de Almería, A Coruña, Albacete, Badaxoz, Burgos, Castellón, Huelva, Huesca, León, Lleida, Lugo, Ourense, Toledo, Xaén e Zamora, así como do Consell Insular de Mallorca. A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o presidente da Comisión de Deputacións, Cabidos e Consellos Insulares da FEMP e presidente da Deputación de Xaén, Francisco Reyes, deron a saída a este cumio clausurado polo alcalde de Vigo e presidente da FEMP, Abel Caballero. Durante as dúas mesas de debate déronse a coñecer as políticas públicas de igualdade que están a espallar as deputacións españolas púxose o acento na importancia que teñen para transformar a sociedade. Ao remate do encontro presentouse a Rede Europea de Mulleres da Escena en Igualdade e as conclusións do “I Encontro de Mulleres da Escena pola Igualdade. MEI 2022”.
“O mundo local- asegurou a presidenta da Deputación de Pontevedra Carmela Silva- é o gran impulsor das políticas da igualdade, creando espazos e tomando decisións para favorecer todo o que as mulleres temos aportado ao longo da historia”. Para a presidenta, os gobernos locais “somos a política total, a da proximidade, a que vive nas propias carnes o que sofren as mulleres e, polo tanto, buscamos respostas para a metade do mundo”. Sen embargo “ocupamos poucos espazos” e por iso “estas xornadas son tan importantes, para que a sociedade coñeza o noso grande compromiso coa igualdade, para analizar a realidade, facer propostas e compartir as políticas, moitas delas moi innovadoras, e boas prácticas que se desenvolven nos territorios”.
O presidente da FEMP e alcalde de Vigo, Abel Caballero, que participou na clausura da xornada destacou a necesidade de seguir “trazando sendas, proxectos e ideas cara a igualdade”. “O que hoxe nos trae aquí –asegurou- é emendar unha deficiencia gravísima na historia. Felizmente temos avanzado e hoxe asistimos a este encontro no que se defende unha causa na que estamos todas e todos: a igualdade”. Sen embargo alertou que “este desleixo histórico agora comeza a resolverse aínda que con riscos, porque os procesos sociais son de avance, pero poden ser tamén de retroceso e hai moitos exemplos que teñen que espertar a nosa atención”. Engadiu que “non se pode parar, non se pode ceder. Nestes momentos a igualdade está sendo atacada e non se poden lexitimar ideas que van en contra da metade da poboación, de dereitos tan importantes” por isto “é tan importante esta reunión, para que conformemos dende a política plataformas de avance e non toleremos retrocesos”
Pola súa banda o presidente da Comisión de Deputacións, Cabidos e Consellos Insulares da FEMP e presidente da Deputación de Xaén, Francisco Reyes, coincidiu con Carmela Silva sobre a relevancia do mundo local, que definiu como “a primeira trincheira”. Afirmou que esta pioneira xornada “nace con vocación de continuidade”, adiantando que terá unha segunda edición nalgunha outra provincia do Estado. Para Reyes “a política é a ferramenta para avanzar e debe facelo con e dende a igualdade” e por iso esta xornada “é fundamental para coñecer o que se está a facer e intercambiar experiencias en políticas de igualdade que se desenvolven no ámbito provincial”. Destacou tamén que a igualdade ten que ser transversal e abarcar a todas as áreas das institucións públicas e asegurou que “aínda que se ten avanzado queda moito camiño por percorrer. Os gobernos locais temos que desenvolver un papel clave e fundamental neste cambio cara a igualdade pero non podemos baixar a garda, xa que non todo o mundo cre na igualdade real entre homes e mulleres a pesar de vivir no século XXI”.
Primeira mesa
A primeira mesa estivo protagonizada por Francisca Medina, vicepresidenta da Deputación de Xaén; Inmaculada Siella, deputada de Benestar da Deputación de Burgos; Amparo Torres, vicepresidenta da Deputación de Albacete; e Catalina Cladera, presidenta do Consell de Mallorca. Todas falaron da necesidade de aplicar de xeito transversal as políticas de igualdade, do reto do emprego das mulleres, da corresponsabilidade, das fendas existentes entre mulleres e homes e das referentes e na importancia da formación en feminismo e igualdade.
Deste xeito Francisca Medina, vicepresidenta primeira da Deputación de Xaén, subliñou que na provincia andaluza teñen en marcha unha axenda local de xénero e fixo fincapé na importancia da formación con perspectiva de xénero, nos plans de igualdade e noutras iniciativas que lideran como o Consello Provincial de Igualdade e Participación, a Escola de Feminismo e Empoderamento, as publicacións en materia feminista ou o festival de curtas contra a violencia de xénero. No caso da Deputación de Burgos, a súa deputada de Benestar Social, Inmaculada Siella, detallou programas específicos como o plan antiviolencia machista, os plans de formación e cooperación cos concellos ou o fomento da participación da muller no deporte. Puxo o aceno na importancia da formación destacando as actividades que desenvolven en colexios e institutos da provincia, os cursos específicos ou as charlas explicativas sobre figuras femininas históricas da provincia. Pola súa banda a vicepresidenta segunda da Deputación de Albacete, Amparo Torres, fixo fincapé na importancia de coñecer as necesidades das mulleres rurais e detallou actividades que están a promover no ámbito da igualdade como convocatorias de axudas a entidades, campañas de sensibilización ou partidas destinadas á corresponsabilidade. Detívose na aposta pola formación para o emprego das mulleres e o fomento das iniciativas de emprendemento feminino no rural e destacou o Observatorio provincial de Igualdade de Albacete. Finalmente a presidenta do Consell de Mallorca, Catalina Cladera, subliñou actuacións que teñen en marcha para atender ás vítimas de violencia de xénero, así como o servizo de acollida a mulleres vítimas de violencia machista, ou o lanzado durante a pandemia para acoller ás mulleres en situación de prostitución. Entre todos eles destacou un novidoso proxecto centrado en axudar ás mulleres a emprender proxectos empresariais dende un punto sostible.
Segunda mesa
No segundo debate tomaron parte a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, Cristina Valadés, deputada de Igualdade da Deputación de Badaxoz; Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra; e Ana María Gómez, vicepresidenta da Deputación de Toledo. Todas elas fixeron fincapé nos avances que o movemento feminista ten conseguido ao longo destes 300 anos e na importancia da educación para acadar a igualade entre mulleres e homes.
Carmela Silva remarcou que na Deputación de Pontevedra a igualdade é “a nosa grande prioridade”. Explicou que “todo” na institución provincial pontevedresa se realiza “con gafas violetas” porque “máis da metade do mundo somos nós, as mulleres, e sufrimos unha grande discriminación”. Detallou que as políticas que lidera discriminan positivamente ás mulleres, ás que sitúa sempre “no espazo central”, e que o servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra “é o que máis medra, cun aumento do 18% dos recursos destinados a esta área”. Pola súa banda Cristina Valadés, deputada de Igualdade e Xuventude da Deputación de Badaxoz, detallou actividades pioneiras que desenvolven como o “Proxecto Mariposas”, enfocado ás fillas e fillos de mulleres vítimas da violencia de xénero que este ano está a atender a 42 menores; os premios de igualdade ou o programa “Sen fenda” enfocado ao emprendemento das mulleres. Finalmente a vicepresidenta da Deputación de Toledo, Ana María Gómez, explicou que teñen en marcha unha estratexia de igualdade de xénero, que vai xa pola súa segunda edición, centrada na transversalidade da igualdade e na loita contra as violencias machistas. No marco da estratexia, detallou, parten todos os programas que lideran entre os que destacou o de axentes de igualdade que ten desenvolvido máis de 4.000 actividades por toda a provincia das que se beneficiaron 67.000 persoas.
Rede Europea de Mulleres da Escena en Igualdade e conclusións MEI 2022
O cumio da FEMP tivo como colofón a creación da Rede Europea de Mulleres da Escena en Igualdade e a presentación das conclusións do “I Encontro Internacional de Mulleres da Escena en Igualdade. MEI 2022”, que en 2023 terá lugar en Huelva e en 2024 en Badaxoz. “A partir da creación desta Rede faremos propostas conxuntas, para que as demandas que propoñen teñan resposta por parte do mundo local xa que -continuou- crear redes é fundamental para poder seguir avanzando en igualdade”. A Rede formúlase dende varios países -España, Francia, Portugal, Suecia, Reino Unido e Grecia- co obxectivo de habilitar un espazo no que as mulleres europeas poidan aumentar as súa capacidade e traducila en proxectos concretos.
Nieves Mateo, vicepresidenta de Clásicas y Modernas, destacou entre as conclusións aprobadas no MEI 2022 a necesidade de “desacralizar” os postos de responsabilidade nas institucións e teatros e reclamar a paridade nos postos directivos. Fíxose tamén referencia á coeducación como a mellor ferramenta para a educación nas escolas artísticas. As conclusións tamén se centraron no apoio ao mentoring dende as Administracións públicas no eido da creación e xestión de compañías e produtoras e, finalmente, crítica á invisibilización das mulleres nos oficios técnicos como a artesanía, xastrería ou rexedoría.