O Concello rehabilitará o Pazo da Raposeira con fondos europeos
O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana resolveu favorablemente ao proxecto presentado polo goberno local e adxudica a Vigo 1,5 millóns para a rehabilitación do pazo situado en Sárdoma.

Abel Caballero informou que o Goberno de España adxudicará 1,5 millóns para a rehabilitación do Pazo da Raposeira, proxecto presentado á convocatoria do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. Esta cantidade corresponde ao 100% do solicitado para o programa de axudas á rehabilitación de edificios de titularidade pública financiado cos fondos europeos Next Generation EU.
Na edificación de San Pedro de Sárdoma -que vai ter uso cidadán - está previsto actuar no edificio e na finca, cun orzamento de 1,9 millóns. Realizarase unha reparación a fondo do inmoble, cunha rehabilitación integral do interior, reorganizando os espazos para dotalos de novas superficies e comunicacións. Na finca, vanse recuperar os xardíns de trazado francés, o xardín da horta e as especies arbóreas da zona.
Fondos Next Generation EU de turismo
O alcalde criticou á Xunta de Galicia e ao presidente Rueda, como responsable de turismo, de cualificar cunha baixa puntuación os proxectos que o goberno local presentou para obter fondos europeos. Entre estes proxectos están o centro de promoción enogastronómica de Vigo / reforma dos edificios da Praza da Igrexa, o miradoiro e ascensor panorámico do Concello, a humanización completa do Paseo de Granada e outras accións complementarias.
“Se fora pola Xunta de Galicia Vigo obtería 0 euros desta convocatoria dos 11 millóns que temos solicitados”, expresou con rotundidade na súa comparecencia diaria. O Goberno de España e a Federación Galega de Municipios e Provincias outorgaron aos proxectos de Vigo unhas das máximas notas dos proxectos presentados por municipios galegos, polo que Vigo optará aos fondos.



