O presuposto municipal acadará os 382 millóns de euros en 2023
O alcalde avanzou este mércores o orzamento para o vindeiro ano que, partindo de 292,1 millóns de euros, chegará aos 382 coa incorporación de 10 millóns procedentes de fondos europeos e coa aprobación de dous créditos extraordinarios.
Abel Caballero informou en rolda de prensa que Vigo contará no vindeiro ano 2023 cun orzamento de 292,1 millóns de euros, un 2,25% máis que en 2021, en concreto 6.557.000 euros máis, e 28 millóns máis que en 2021.
Tal e como explicou, esta é a cifra de saída nominal do orzamento ao que cómpre incorporar os 10 millóns de euros de fondos europeos que prevé ingresar o Concello. Amais, cabe incorporar os 45 millóns de euros aprobados no crédito extraordinario, os 5,2 millóns de euros da gratuidade de libros e a futura aprobación doutro crédito extraordinario por valor de 30 millóns de euros.
Así, o rexedor explicou que, aos 302 millóns de euros hai que sumarlle 80,2 millóns máis, o que significa que o presuposto do vindeiro ano acadará os 382 millóns de euros, o que valora como “un aumento inconmensurable porque estamos subindo desde 285 a 382, case cen millóns de euros. Isto nunca sucedeu na historia de ningún concello”.
O orzamento municipal que contempla a conxelación de impostos e taxas significa, para o alcalde, unha baixada do 17% en termos reais, e permitirá incrementar as partidas destinadas a política social, educación, bolsas de libros e investimentos “como nunca na historia da cidade”.
Sobre as partidas do documento, Abel Caballero referiuse ao “gran orzamento” de política social con 55 millóns de euros: 21 millóns para Benestar, 16 para Educación, 14 para Deporte, 1,3 millóns para Igualdade ou 1,6 para CEDRO. En segundo lugar, o alcalde destacou o “investimento superlativo; vai ser a máis importante que houbo nunca nesta cidade” e cuxa fonte de provisión serán os Fondos Next Generation da Unión Europea, as achegas do Goberno de España e os aforros da cidades, dos remanentes “nin un céntimo da Xunta de Galicia”.
“Imos entrar nunha etapa e nun momento de cifras superlativas en canto ao incremento do gasto na cidade”, sinalou, que será financiado con ingresos e taxas propias, que permanecen conxelados por cuarto ano consecutivo. Esta medida, di o alcalde, “non ten precedente na cidade”, xa que non se subiron nos catro últimos exercicios, desde 2020, mentres a inflación foi do 17%, “o que significa que baixamos impostos nun 17%”.
A aprobación do documento na Xunta de Goberno Local será nos próximos días, segundo adiantou.
PERTE para el sector naval
O alcalde anunciou que o venres se presentará en Vigo o PERTE para o sector naval "porque aquí están os asteleiros privados máis importantes de Europa". Abel Caballero subliñou que o Grupo Stellantis recibiu o importe total solicitado no PERTE do vehículo autónomo e conectado e adiantou que as negociacións entre o grupo automobilístico e o Goberno de España avanzan cara a chegar a un acordo para os proxectos futuros da factoría en Vigo.