Escoitar

O alcalde visitou a instalación da segunda rampla de Gran Vía entre Venezuela e Bolivia

As obras avanzan segundo o previsto, cun prazo de finalización entre o mes de xaneiro e febreiro. Abel Caballero anunciou que a Gran Vía terá catro carrís de circulación no Nadal, dous de ascenso e dous de baixada.

martes, 18 out 2022
O alcalde acompañado da edil de Urbanismo, María José Caride, e de Economía e Fondos Europeos, Elena Espinosa
O alcalde acompañado da edil de Urbanismo, María José Caride, e de Economía e Fondos Europeos, Elena Espinosa

O corredor mecánico da Gran Vía está preto de ser unha realidade. O alcalde visitou a instalación da segunda e última rampla mecánica que vai desde Venezuela ata Bolivia, completando así as cintas que comezan en Urzáiz e permiten chegar ata Praza de España.

“Seguimos na realización desta obra de gran importancia, que agora están a facer outras cidades e que nós colaboramos con elas. Urbanistas dos Ángeles sitúan a Gran Vía como unha forma exemplar de utilización do espazo público, que utilizan miles de persoas cada día. Somos un exemplo de mobilidade sostible”, expresou con gratitude o rexedor en rolda de prensa.

Abel Caballero avanzou que no Nadal a zona da Gran Vía en obras terá catro carrís de circulación, dous ascendentes e dous en sentido ao centro da cidade. “A obra avanza, temos que poñer a cubrición, a humanización con novas beirarrúas e ornamentación. Remataremos en xaneiro ou febreiro, a finais de novembro haberá xa catro carrís de circulación”, explicou.

O alcalde puxo de manifesto que a humanización da Gran Via foi en dous fases porque o goberno autonómico paralizou o proxecto: “Facemos esta segunda fase, coas molestias que supón aos veciños e veciñas, porque a Xunta de Galicia freou a nosa idea de mobilidade sostible nunha avenida cunha pendente do 8,5%, e gañamos nos tribunais”, concluíu.

A segunda fase das ramplas da Gran Vía conta cun orzamento de 4.234.892 euros, dos cales 3.200.000 son financiados polo Goberno de España a través do Plan de Transformación, Recuperación e Resiliencia con os fondos europeos Next Generation EU.

O alcalde acompañado da edil de Urbanismo, María José Caride, e de Economía e Fondos Europeos, Elena Espinosa
Descargar todas as imaxes