Escoitar

Aneiros: “Pagamos en 9 días e temos 102,2 millóns executados”

O edil de facenda rendeu contas do informe trimestral de Tesourería e a execución dos gastos e ingresos do orzamento correspondente ao segundo trimestre de 2022.

mércores, 27 xul 2022

O concelleiro de facenda deu conta no pleno do informe trimestral de Tesourería sobre o cumprimento dos prazos de pago das obrigas do Concello de Vigo, o Organismo Autónomo Administrativo de Urbanismo e Fundacións que pertencen ao perímetro de consolidación, correspondente ao 2º trimestre do ano 2022 e PMP dos 6 meses do ano 2022.

Jaime Aneiros defendeu que o consistorio paga as facturas aos provedores en 9 días. Para o edil isto “é capacidade de solvencia e de bos xestores e bos gobernantes”. O edil contrastou os datos de Vigo con outras vilas e cidades: “Vigo paga en 9 días, fronte a Ourense en 39, Mos en 70, Arbo en 90 ou O Porriño en 600”, dixo no pleno.

Desde a oposición, o non adscrito afirmou “que o concello paga e executa pouco”, o Grupo Mixto alegou que baixan en todo o Estado os tempos de pago, “o cal é bo”, para o Partido Popular os resultados “non son boa xestión, se non un problema de execución”.

O responsable de facenda defendeu a xestión local “con 225 millóns en marcha e 100 millóns na caixa”.

Execución do orzamento

Na parte expositiva, Aneiros tamén deu conta do estado da execución do estado de gastos e ingresos do orzamento, correspondente ao 2º trimestre do 2022, así como do movemento de Tesourería por operacións orzamentarias e non orzamentarias.

O concelleiro socialista defendeu que o goberno local ten 102,2 millóns de execución orzamentaria en forma de pago ata o 30 de xuño de 2022, 12 millóns máis con respecto ao ano anterior. Aneiros defendeu as inversións e tamén a política social “con 6417 axudas as familias mentres que a Xunta suprime a Tarxeta Básica para os máis vulnerábeis”.

O Grupo Popular reprochou “unha execución afundida”, o Mixto pediu “rigor nas contas” e para o non adscrito “non executar é desatender”. Aneiros instou aos grupos de oposición “a identificar a algún goberno que invista ao mesmo ritmo que Vigo”.

Descargar todas as imaxes