O Concello aproba a licenza de primeira ocupación para a Cidade da Xustiza
Caballero louvou a obra de Alfonso Penela en rolda de prensa e valorou a Cidade da Xustiza como “unha gran obra” e afirma “estar satisfeito”.
A Cidade da Xustiza xa ten a licenza de primeira ocupación asinada polo Concello, polo que xa pode comezar o traslado desde os xulgados da rúa Lalín. O alcalde amosou a súa satisfacción co resultado e felicitou ao arquitecto, Alfonso Penela “pola recuperación da parte tradicional, coa cor branca, nun proxecto que é un gran edificio e unha gran estrutura arquitectónica”, declarou ante os medios.
Caballero trasladou a súa “posición leal” co goberno da Xunta e a colaboración co arquitecto: “Queríamos que chegara este gran proxecto canto antes. Estou moi satisfeito”. O rexedor lembrou que o Concello expropiou terreos por valor de 3,5 millóns no emprazamentos acordado previamente entre o Concello e a Xunta: “Non reclamamos os cartos. Cando escoitamos a idea a través dos medios pareceunos magnífico”.