Escoitar

O Concello apoia con 153.000 euros o labor de cinco entidades sociais da cidade

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar os convenios de colaboración con Doa, Afaga, a Asociación de Persoas Xordas de Vigo, Érguete e a AECC. Amais, deu luz verde ao convenio coa UNED para a impartición de 13 titulacións na cidade.

venres, 1 xul 2022

Abel Caballero destacou a “gran acción de política social con 153.000 euros de axudas para cinco asociacións tan importantes no desenvolvemento da política social da cidade”, logo da aprobación dos convenios de colaboración con cinco entidades.

O convenio coa Asociación Doa Saúde Mental para o desenvolvemento do seu programa de talleres para persoas con problemas de saúde mental sen recurso alternativo, para os anos 2022-2025 ten un importe de 40.000 euros. O convenio de colaboración con “AFAGA”, a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia, para o desenvolvemento dun programa de respiro familiar a través de sesións de estimulación cognitiva e funcional para persoas con demencia neurodegenerativa para o período 2022-2025 suma 20.000 euros. O convenio de colaboración coa Asociación de Persoas Xordas de Vigo para a prestación do servizo de intérprete de lingua de signos para os anos 2022-2025 ◦ ascende a 20.000 euros. O convenio de colaboración coa Asociación Érguete para o programa de pisos de apoio á incorporación social de drogodependentes 2022 ten un importe de 45.000 euros e o orzamento do convenio de colaboración coa Asociación Española contra o Cancro para o desenvolvemento dun Programa de atención psicosocial ao paciente oncolóxico e aos seus familiares para o período 2022-2025 é de 28.000 euros.

UNED de Vigo

A Xunta de Goberno Local deu luz verde ao proxecto de convenio de colaboración entre a UNED de Pontevedra e o Concello de Vigo para o mantemento da aula universitaria existente na cidade cun orzamento de 225.000 euros anuais e a cesión dos espazos, polo que a contribución municipal ascende a 825.000 euros anuais.

O alcalde salientou a posta en marcha da UNED na cidade, estando el á fronte da Alcaldía, e apuntou que nestes momentos conta con 13 carreiras e 1.150 alumnos matriculados, sendo mulleres o 61% do alumnado deste curso nas diferentes titulacións ofertadas: Psicoloxía, Pedagoxía, Enxeñería informática, Enxeñería en tecnoloxías da información, Historia da arte, Xeografía e historia, Estudos ingleses, Educación social, Dereito, Ciencias ambientais, Ciencia política e da administración, Administración e dirección de empresas e o curso de acceso á Universidade para maiores de 25 e 45 anos.

Descargar todas as imaxes