O alcalde salienta que Vigo está agora “no lugar que tiña que ocupar en Europa”
No transcurso da presentación do número monográfico sobre Vigo, que publica a Revista de Obras Públicas, Abel Caballero puxo en valor o “proxecto apaixonante” desenvolvido ao longo dos seus 15 anos de goberno “transformando a cidade”.
O acto, celebrado no Círculo de Empresarios de Galicia, contou coa participación de David Regades, delegado de Zona Franca en Vigo; a concelleira de Urbanismo, María José Caride; Enrique Urcola, decano do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos de Galicia; Pablo Otaola, coordinador do número sobre Vigo da Revista de Obras Públicas; Miguel Ángel Carrillo, presidente nacional do Colexio de Enxeñeiros de Camiños e Carlos Nárdiz, director da Revista, que destacou a historia da cidade e a aposta do Concello pola rexeneración urbana a través da peonalización.
O alcalde agradeceu aos responsables da publicación a dedicación deste número e puxo en valor o papel dos enxeñeiros de camiños na construción de Vigo. Declarou que “facer a túa cidade é o proxecto máis apaixonante que ninguén pode ter nunca” e, botando a vista atrás, referiuse ás tres necesidades que detectou ao chegar á alcaldía: cambiar “un ferrocarril que rompía a cidade, as comunicacións en superficie cunha autoestrada a punto do colapso e a necesidade de ampliar o Porto. A partir de aí, reenfocamos toda a cidade”.
Así salientou que un dos obxectivos destes quince anos de goberno era “que Vigo ocupara o lugar que tiña que ocupar en Europa e xa o ocupamos. Xa é unha cidade referenciada. Queríamos un proxecto de unidade política e témolo”. Amais, avanzou que este ano o Concello poñerá en marcha 138 novas inauguracións”; proxectos que é posible levar adiante grazas a unha economía municipal saneada con débeda cero e unha baixa presión fiscal. “Somos a cidade da economía. Só dependemos de nós”.
No tocante aos proxectos de Vigo, destacou a decisión de cambiar a entrada do tren na cidade, para que fose en túnel, ou a obra da nova potabilizadora como clave. Amais, mencionou o rexedor outras accións que serven para “romper o illamento” citando as humanizacións, os aparcamentos, túneles, Vialia... “estamos construíndo un Vigo plano con tecnoloxía y queremos facelo con pezas arquitectónicas que conformen o paisaxe da cidade”, poñendo como exemplo as ramplas da Gran Vía, que son “un xardín botánico”.
Pola súa banda, o delegado do Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, falou dos retos da institución que lidera ten na cidade: “Internacionalización, economía sostible e verde, dixitalización e colaboración pública privada”.