Escoitar

A necesidade de construír un prisma de canalización en Urzáiz obriga a modificar as obras do parking

A dirección de obra do aparcamento de Urzáiz solicitoulle á Concellería de Tráfico acometer unha obra que non estaba contemplada na programación autorizada e consensuada debido a que Telefónica lle obriga a construír un prisma de canalización de servicios no cruzamento das rúas Urzáiz con Cervantes.

xoves, 10 xul 2003
Esta obra de canalización non fora prevista pola empresa de telecomunicacións nun principio, polo que tivo que introducila no programa a posteriori. O prisma deberase realizar a fin de semana do 12 ao 14 de xullo para garantir a súa conclusión antes do cambio de obras á marxe dereita subindo. Cando se proceda a reabrir o tráfico na parte esquerda, previsto para a cuarta semana de xullo segundo se especifica no cronograma, esta obra debera estar rematada.

As principais dificultades de tráfico que se van dar serán derivadas dos vehículos que xiren de Urzaiz a Cervantes, tanto os de subida como os pesados de baixada. Para facilitar os labores de ordenación do tráfico, a empresa constructora disporá de dous homes, se fose necesario, que portarán sinalización para indicarlles aos conductores dos vehículos a alternacia de paso de cara á súa regulación.

Desde o departamento de Tráfico advírtese de que se pode producir algunha retención no carril esquerdo de subida a Urzáiz dos conductores que queiran xirar, aínda que o número de vehículos que viran a Cervantes e Hernán Cortés tanto dun lado como doutro é mínimo.