Escoitar

Vigo súmase ao Día da Muller e a Nena na Ciencia con obradoiros científicos no Verbum

As actividades desenvolveranse nos días 9, 10 e 11 de febreiro en dúas quendas. Os centros educativos poden inscribirse cos alumnos de 5º e 6º de primaria no teléfono 986 810 281 en horario de 13 a 14:30 horas.

martes, 8 feb 2022

O Concello súmase á reivindicación do Día da Muller e a nena na Ciencia que se celebra o 11 de febreiro. O alcalde anunciou en rolda de prensa que haberá obradoiros para os centros educativos da cidade no museo Verbum: “Serán en galego e serven para entender a importancia da ciencia, relacionar ao alumnado con ela e que as nenas e mozas máis novas fagan súa a vocación de desenvolver a súa actividade no ámbito científico”, explicou.

As inscricións están abertas para os alumnos de 5º e 6º de primaria. As actividades están programadas para os días 9, 10 e 11 de febreiro no museo Verbum. Haberá dúas quendas para chegar ao maior número posibles de mozas e mozos: ás 9:30 e ás 11:30 horas. Para reservar hai que chamar ao 986 810 281 en horario de 13 ata as 14:30 horas.

O alumnado participará nun pequeno xogo de participación e logo haberá catro actividades científicas cunha duración de 20 minutos cada unha delas. O obxectivo destes obradoiros e dar a coñecer aos participantes o traballo das mulleres científicas na historia e poñer en valor a lingua galega como idioma científico.

O 14 de febreiro tamén haberá unha charla coloquio con Ana Mª Mejías Sacaluga no Vermbu ás 16:30 horas. A exposición da profesora titular na Universidade de Vigo e concelleira delegada da área de I+D e Dinamización Administrativa do Concello de Vigo leva por título “Enxeñería: a vocación de cambiar o mundo coa ciencia e a tecnoloxía”.

Neste caso o obxectivo é aclarar dúbidas ao alumnado de 4º da ESO nunha etapa decisiva na que perfilan a súa traxectoria formativa e achegar os estudos científicos tecnolóxicos aos asistentes. As inscricións están abertas e pode facerse a solicitude en horario de8:30 a 14:30 horas no teléfono 986 810 284.

Descargar todas as imaxes