Caballero traslada o seu apoio ao labor da Asociación de Mulleres Salgada
O rexedor mantivo este luns unha reunión cunha representación da entidade, de ámbito autonómico, que aglutina a máis de 2.000 mulleres do mundo do mar.

Logo do encontro, o alcalde explicou en rolda de prensa que a Asociación Galega de Mulleres Salgada lle pediu apoio para visualizar o seu traballo, algo co que contan: “terannos ao seu carón dándolles apoio e elaboraremos un programa de actuación en Vigo no ámbito das mulleres que traballen no mar”.
A entidade acolle a máis de 2.000 mulleres do ámbito de traballo do mar: mariscadoras, percebeiras, bateeiras, empresarias, oceanógrafas, biólogas, peixeiras, empresarias de turismo vinculado ao mar, patroas de embarcacións, directivas e outro persoal do sector pesqueiro.
Tal e como apuntou o rexedor, a asociación ten solicitado á Xunta de Galicia a creación dun Observatorio de Igualdade do Sector Pesqueiro, que “avalo” xa que “creo que é conveniente e que temos que estar ao carón das asociacións que reivindican o papel laboral das mulleres”, malia que de momento o goberno autonómico deu a negativa como resposta a esta demanda.

