O Pleno outorga a Distinción Honorífica “Cidade de Vigo” ao Faro de Vigo e ao editor Javier Moll
O Faro de Vigo é o Diario Decano da prensa española, que cumpre 170 anos no 2023. A Distinción Honorífica “Cidade de Vigo” é a primeira vez que se outorga logo da aprobación deste recoñecemento no Pleno do Concello o 28 de febreiro de 2018. Faro de Vigo e Javier Moll convértense deste xeito nos primeiros galardoados.
O Pleno Extraordinario da Corporación Municipal aprobou outorgar a Distinción Honorífica “Cidade de Vigo” ao Diario Decano de prensa de España, o Faro de Vigo, e ao editor Francisco Javier Moll de Miguel.
A motivación foi redactada polo cronista da cidade, D. Ceferino de Blas, a petición da Alcaldía e leva por encabezado “O xornal que prestixia Vigo”. Segundo describe, o Faro de Vigo foi fundado por un grupo de ilustrados vigueses no 1853 para defender os intereses da cidade, axudar ao seu desenvolvemento e modernización.
De Blas describe a importancia do relato do xornal vigués, xa que afirma que algunhas parcelas da historia de Galicia serían inverificables porque se perderon os datos. “No mundo, só unha treintena de xornais de gran e mediana tirada, dos que non chegan a media ducia dos publicados en español – en Latinoamérica – alcanzaron a antigüidade do Faro. Todos son de capitais ou grandes cidades como The Times en Londres, Le Figaro en París o el New York Times”
No texto tamén subliña a importancia da adquisición do xornal por parte do Grupo Prensa Ibérica, nun momento difícil economicamente para a súa supervivencia. O editor, Javier Moll, creou en 1992 o Club Faro de Vigo, un dos mellores foros de opinión de España.