Escoitar

O Concello inicia a humanización da rúa Talude que incorpora unha escaleira mecánica

O alcalde participou este luns na colocación simbólica da primeira pedra das obras desta “gran actuación” coa que a rúa Urzáiz quedará comunicada por escaleira mecánica con San Roque, Colombia e Couto de San Honorato.

luns, 13 dec 2021
O alcalde, o concelleiro de Fomento, Javier Pardo, e o director do Colexio Mariano, Víctor Rivas
O alcalde, o concelleiro de Fomento, Javier Pardo, e o director do Colexio Mariano, Víctor Rivas

Segundo explicou o rexedor en rolda de prensa, as obras de humanización, que teñen un importe de licitación de 713.000 euros e un prazo de execución de 7 meses, permitirá “cambiar completamente” a subida da rúa Talude, que empregan cada día “miles de persoas”.

A humanización supoñerá o ancheamento da rúa Talude grazas á cesión gratuíta de 72 metros cadrados por parte do Colexio Mariano, cun valor catastral superior aos 48.000 euros. A ampliación da rúa facilitará a maniobrabilidade dos residentes nos accesos aos garaxes e recolocar os accesos ao centro escolar mellorando a seguridade dos estudantes.

A actuación municipal inclúe a renovación dos firmes, a mellora da seguridade dos peóns, a instalación de novo mobiliario urbano como bancos e zonas axardinadas, unha nova rede de rega, iluminación LED e unha nova rede de saneamento e pluviais, renovación e mallado da rede de abastecemento de auga.

Tal e como explicou Abel Caballero, a humanización da rúa Talude entronca coas actuacións en toda a contorna: a cuarta fase de humanización de Gregorio Espino, a humanización da rúa Colombia, o inicio proximamente da humanización de San Roque e Couto de San Honorato que incorporará unha nova praza.

“Seguimos coa mellora da cidade. Esta zona foi abandonada durante décadas e décadas por alcaldesas e alcaldes e estamos facendo agora unha humanización e adecuación integral nos sistemas máis modernos de acción e mobilidade”, apuntou o alcalde.

O alcalde, o concelleiro de Fomento, Javier Pardo, e o director do Colexio Mariano, Víctor Rivas
Descargar todas as imaxes