Escoitar

O goberno de Vigo prevé aprobar en febreiro o Plan Especial para a Biblioteca do Estado

Entre o Camiño do Chouzo e a rúa Lalín, a parcela está a ser cualificada como dotacional público para dar cabida á Biblioteca do Estado. Caballero informou este luns que o Plan Especial cumpre coa normativa que posibilita unha avaliación ambiental simplificada, co que en febreiro podería ser ratificado inicialmente no Pleno e en setembro, aprobado de forma definitiva.

luns, 13 dec 2021
Abel Caballero, este luns en rolda de prensa.
Abel Caballero, este luns en rolda de prensa.

O goberno de Vigo dará conta ante o Consello da Xerencia de Urbanismo deste martes da resolución pola que se formula a avaliación ambiental simplificada para o Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións da Biblioteca do Estado de Vigo, ferramenta coa que o Concello cambiará a cualificación urbanística do solo, que pasará a ser dotacional público.

Explicou o alcalde este luns que o documento presentado se adecúa á normativa, tanto á urbanística como a de protección natural e da paisaxe, polo tanto o estudo ambiental simplificado é suficiente para continuar coa tramitación do Plan Especial. A resolución acurta os prazos en aproximadamente un ano con respecto á avaliación ambiental ordinaria.

Así, o goberno de Vigo calcula que estará en disposición de levar ao Pleno de febreiro este Plan Especial para a súa aprobación inicial. O debate para a validación definitiva, en setembro do próximo ano, segundo os prazos trasladados por Caballero en rolda de prensa.

Técnicos do Ministerio de Cultura xa visitaron Vigo para coñecer as condicións urbanísticas da parcela e o propio Plan Especial que ultima o Concello, tal e como manifestou este luns Abel Caballero, quen se desprazara a Madrid hai dous meses para ratificar a vontade do ministro Iceta de erixir en Vigo unha Biblioteca do Estado: “O Goberno xa empezará a facer a súa redacción do proxecto e, máis adiante, cando estea feita a cualificación urbanística, contratar a execución da obra”, aseverou.

“Vigo é a máis importante cidade de España sen Biblioteca pública do Estado, porque a lei anterior só a contemplaba en capitais de provincia. Eu conseguín que se cambiara esa lei e agora xa contempla ás cidades importantes”, asegurou Caballero, quen detallou que a parcela para construír a nova dotación cultural, próxima aos actuais xulgados da rúa Lalín, conta en total con 6.500 metros cadrados, dos que uns 4.000 serán para zona verde.

Descargar todas as imaxes