O goberno municipal avanza a segunda fase de humanización de Clara Campoamor
O Concello mellorará a seguridade de peóns e vehículos no tramo que comprende entre a rotonda de Beade e a primeira rotonda de acceso ao hospital, logo de ter aprobada a primeira fase que abarca o frontal do Álvaro Cunqueiro.
O alcalde explicou en rolda de prensa que o goberno de Vigo comezará “de forma inmediata” as obras de humanización da primeira fase da Avenida Clara Campoamor, no tramo que vai desde a primeira rotonda de acceso ao hospital vindo desde Castrelos ata a seguinte rotonda, que dá acceso á VG20 e onde remata o hospital.
Adicionalmente, o Concello continuará a obra no tramo anterior, nunha segunda fase de humanización desde a rotonda de Beade (onde está a gasolineira) ata a primeira rotonda de acceso ao hospital. “Imos facer unha beirarrúa desde a gasolineira ata o aparcamento municipal”, onde remata o edificio hospitalario, apuntou Caballero, para facilitar o tránsito peonil ante o incremento da circulación nesa zona.
O rexedor lamentou que “a Xunta que as tiña que facer non as fixo. O hospital é supramunicpal e é obriga da Xunta de Galicia a adecuación da contorna, pero abandonou toda a zona de Clara Campoamor e do hospital. Dedican todo o diñeiro a pagar ao fondo de inversións francés Meridiam”.