Escoitar

A arte urbana homenaxea ás Illas Cíes no certame “Cíes Talent”

“O graffiti e o cómic achegan dunha forma moi especial o valor das illas á mocidade”, asegurou o alcalde na presentación do primeiro certame de arte urbana que se celebra esta fin de semana en Navia. O proxecto forma parte das actividades da candidatura de Illas Cíes a Patrimonio da Humanidade da Unesco.

xoves, 21 out 2021
Abel Caballero presentando o certame con Kiko Dasilva (esq.) e Powone e Yolanda Augiar, concelleira de Política Social (dta.)
Abel Caballero presentando o certame con Kiko Dasilva (esq.) e Powone e Yolanda Augiar, concelleira de Política Social (dta.)

Abel Caballero presentou esta mañá o evento, que conta con grafiteiros de fama internacional de Vigo, Cáceres, Chile e México, entre outros. “O graffiti é unha arte xenuína e excepcional que achegará dunha maneira moi especial o valor histórico e natural das Cíes aos mozos”, asegurou Caballero.

O certame, comisariado por Powone, empeza mañá venres co inicio dos murais por parte dos sete artistas seleccionados nas paredes de Navia. Ademais, haberá talleres para mozos. O sábado, ademais de finalizar os muros, celebrarase o “Cíes Talent Meeting”, un encontro entre novos talentos emerxentes e artistas internacionais consagrados. O domingo, segundo indicou o comisario, presentaranse os murais e o público poderá gozar deles. “O noso obxectivo é que estas pezas vaian evolucionando con distintas intervencións e perduren no tempo”, indicou Powone.

Pola súa banda, o “Cíes Talent Cómic”, comisariado polo debuxante Kiko Dasilva, seleccionou sete propostas que teñen como temática as illas Cíes e abordan desde a súa historia e lendas aos aspectos de natureza e ambientais. “Este proxecto vai amosar o nivel tan alto de autores de cómic que hai en Galicia; non temos nada que envexar nin a Madrid nin a Barcelona”, advertiu Dasilva.

Os seleccionados teñen dous meses para terminar o cómic e posteriormente realizarase un libro conxunto con todas eles “que apadriñará un autor de máximo prestixio”, apuntou o comisario.

Por outra banda, tal e como anunciou o alcalde, en febreiro realizarase unha exposición onde se mostrarán as obras do “Cíes Talent” xunto cos proxectos fotográficos e audiovisuais do “Desafío Illas Cíes”.

Descargar todas as imaxes