Escoitar

Vigo dispara ata os 285 millóns de euros o seu orzamento para 2022

O Concello aprobará a próxima semana unhas contas récord para o próximo ano e este venres o alcalde adiantou algunhas das principais cifras. O total se eleva un 8,14% con respecto ao presente ano, mantendo a débeda cero, conxelando impostos e taxas, con 17 millóns en bonificacións fiscais e cunha presión fiscal por debaixo da media estatal e inferior ás urbes galegas.

venres, 22 out 2021
Abel Caballero, este venres en rolda de prensa.
Abel Caballero, este venres en rolda de prensa.

O Concello elevará o seu orzamento a cotas históricas no ano 2022, un 8,14% máis que no presente ano, ata os 285,5 millóns de euros. O goberno vigués prevé aprobalo inicialmente a próxima semana, segundo avanzou este venres Abel Caballero.

Os 285,5 millóns para 2022 superan amplamente os 264 millóns deste ano. “No ano 2022 imos investir en Vigo 21 millóns de euros máis que no ano 2021”, valorou o alcalde, quen puxo en valor que este incremento faise “con conxelación de todos os impostos e taxas”. Caballero estimou en catro millóns de euros a contía que o Concello deixa de ingresar ao non aplicar o IPC, inflación que acadou o 4% interanual en España no mes de setembro.

“Aumentamos o orzamento en 21 millóns de euros e baixamos os impostos en termos reais en catro millóns de euros. Pero ademais mantemos débeda cero e temos a presión fiscal máis baixa de Galicia e unha das máis baixas de España”, que se sitúa nos 511 euros, asegurou o rexedor vigués. Caballero explicou que os últimos datos comparativos dispoñibles, correspondentes ao 2019, emprazan a Vigo “de largo” por debaixo da Coruña, Lugo, Pontevedra, Ourense e Santiago, esta última con 640 euros de presión fiscal naquel ano.

Por outra banda, Caballero comunicou que o montante total en bonificacións e exencións fiscais aplicadas polo Concello ascende a 17 millóns de euros. A metade procede das taxas e prezos que a cidade non cobra, por exemplo a clubs deportivos polo uso de instalacións deportivas municipais ou os cidadáns que non abonan o lixo por criterios de renda. Ademais, case 5 millóns de euros de bonificación polo IBI, outros 2 millóns no imposto de vehículos, 1,1 millóns en Plusvalía, 215.000 euros no IAE e outros 235.000 euros euros máis no ICIO.

“Estamos diante dos máis importantes orzamentos, de largo, da historia desta cidade, acompañados de redución real de impostos e da presión fiscal máis baixa”, concluíu Caballero: “E algo tan importante, débeda cero. Cando eu cheguei á Alcaldía se debían 60 millóns de euros e agora, débeda cero”.

Descargar todas as imaxes