A Neira Vilas celebra o Día das Bibliotecas con actividades de lectura asistida con cans
O alcalde achegouse este venres á biblioteca municipal para coñecer a primeira das sesións organizada co fin de fomentar a lectura entre os usuarios de Afaga coa axuda de cans terapéuticos.
Varias persoas usuarias de Afaga, a Asociación de Familiares de enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia, participaron na primeira actividade de promoción da lectura asistida con cans terapéuticos de Con.tacto, un centro especializado en intervencións asistidas con animais, cos que se mellora a estimulación lectora. Para o rexedor é “extraordinario ver a capacidade dos cans para moverse entre a xente”.
A segunda actividade de promoción lectora está dirixida ao público infantil: un obradoiro de fomento da lectura, asistido con cans, e no que tamén se abordará a concienciación sobre o coidado de libros, animais e relacións interpersoais.
O alcalde referiuse á Biblioteca-Centro de documentación do MARCO, que conmemora a xornada tras ser remodelada para adaptar os seus espazos e catalogar os fondos, que suman nestes momentos 6.750 publicacións. Abarcan desde a teoría da arte, a pedagoxía ou a historia ata os movementos artísticos ou coleccións e proporcionan información bibliográfica, hemerográfica e audiovisual sobre a arte do século XXI e outros aspectos relacionados coa cultura contemporánea.
Este domingo, 24 de outubro, celébrase o Día das Bibliotecas baixo o lema “Bibliotecas: ler, aprender, descubrir”.