Escoitar

Concello e Vitrasa conmemoran o Día Europeo sen Coches coa gratuidade de varias liñas de bus

Co obxectivo de fomentar o uso do transporte público, as lanzadeiras á Universidade e o bus turístico serán de balde o próximo 22 de setembro, coincidindo co Día Europeo sen Coches. O rexedor puxo en valor o premio que vén de recibir a cidade recoñecendo as ramplas da Gran Vía e o carril bici como experiencias exitosas dentro da Semana Europea da Mobilidade Sostible.

luns, 20 set 2021

Concello e Vitrasa Vitrasa, súmase un ano máis, e con este xa son quince, á Semana Europea da Mobilidade con diversas iniciativas que teñen por obxectivo fomentar e pór en valor o uso do transporte público entre os vigueses e viguesas, por ser un dos medios máis cómodos, sustentables e respectuosos co medio ambiente para desprazarse pola cidade.

En concreto, o 22 de setembro de 2021, Día Europeo sen Coches, as liñas lanzadeiras ó CUVI (U1 e U2) serán de balde durante toda a xornada. Tamén o Bus Turístico será de balde o mesmo mércores 22 de setembro para os usuarios da tarxeta PassVigo, previa reserva online do billete na plataforma Woutick!. Haberá catro viaxes dispoñibles: ás 10:00, 12:00, 16:30 e 18:30 horas.

As limitacións de aforo establecidas pola Xunta de Galicia nos autobuses urbanos (que limitan a 1/3 a ocupación nas prazas de pé) impiden unha maior promoción do transporte público, tal e como explicou o rexedor, unha situación que contrasta co transporte interurbano ou o transporte escolar, con aforo habilitado ao 100%. Isto significa un inmenso custo para as arcas municipais e unha diferencia respecto de outras comunidades autónomas con maior incidencia de pandemia. En verbas do rexedor, esta decisión non responde a criterios sanitarios polo que “reclamamos á Xunta con urxencia que reconsidere esta decisión”.

Recoñecementos en mobilidade sostible

O alcalde lembro en declaracións aos medios que a cidade vén de recibir outro premio dentro da Semana Europea da Mobilidade Sostible 2020, na categoría de municipios de máis de 50.000 habitantes. O Ministerio para a Transición Ecolóxica considerou “experiencias existosas” as ramplas da Gran Vía e o carril bici. Respecto deste último proxecto, o xurado recoñeceu o traballo municipal para “velar pola seguridade dos ciclistas nos novos carrís bicis instalados na cidade”, subliñando a separación física entre a vía ciclista e a de vehículos a motor e e redución da velocidade máxima nos carrís compartidos.

Sobre as ramplas da Gran Vía, sinala “os esforzos por facer da cidade un entorno amigable para os peóns, fomentando os desprazamentos á pé”. Xunto co beneficio medioambiental, tamén valora o impacto social e o uso das tecnoloxías da información e comunicación. Xa en 2015, o Concello foi distinguido nestes galardóns polas escaleiras mecánicas de Porta do Sol.

 

 

 

Ademais, as ramplas da Gran Vía tamén recibiron este mesmo ano un recoñecemento internacional: o primeiro premio de Proxecto do Ano 2021 outorgado pola prestixiosa publicación Elevator World, especializada en deseños innovadores de transporte. Este proxecto tamén foi referenciado na revista especializada City Monitor, de San Francisco, que amosa as ramplas e ascensores de Vigo como exemplo da nova mobilidade mecánica.

 

 

 

Descargar todas as imaxes