Escoitar

Os artistas do II Desafío Audiovisual Illas Cíes crearán as súas novas obras no arquipélago do 12 ao 22 de setembro

Abel Caballero presentou esta mañá o II Desafío Audiovisual Illas Cíes, unha iniciativa que levará ás illas do 19 ao 22 de setembro a dez equipos de artistas que reflectirán distintas visións do arquipélago nos seus traballos fotográficos e de vídeo. “Seguimos promovendo a nosa candidatura de Cíes a Patrimonio da Humanidade, mentres que a Xunta demostra que só quixo obstaculizar o noso traballo”, advertiu o rexedor en declaracións aos medios.

venres, 17 set 2021

“Seguimos adiante coa nosa candidatura, que culminará coa proclamación de Cíes como patrimonio da Unesco”, asegurou o rexedor, que lembrou que a candidatura que lanzou “de forma clandestina a Xunta” non avanzou en ningún sentido e “queda demostrado que tan só quería obstaculizar á cidade de Vigo”. O alcalde advertiu que prefire que a Xunta “non toque a nosa candidatura, porque afundiron a da Ribeira Sacra e ninguén asumiu ningunha responsabilidade”.

Os dez grupos que foron seleccionados nesta II edición viaxarán este domingo ás illas para desenvolver alí os seus proxectos de fotografía e vídeo. “A primeira edición foi todo un éxito pola calidade dos proxectos que crearon, por iso estamos encantados de dar a benvida a esta segunda edición e seguir divulgando as Cíes mediante o audiovisual”, afirma o rexedor.

Por outra banda, o Concello ten en marcha o I Certame de Arte Urbana Cíes Talent, no que participan sete persoas vinculadas ao grafiti que realizarán as súas obras nas fachadas públicas da cidade. Os seleccionados son: Rubén Paz (Lugo), Felipe Zúñiga (México), David Brey (A Coruña), Etiene Vigier (Gondomar), Adrián Lomba (Vigo), Moisés Vargas (Chile) y Alejandro Pajuelo (Extremadura).

O alcalde anunciou tamén que o 15 de outubro celebrarán o evento Cíes Talent Meeting, no que se reunirán todos os artistas que envorcaron o seu talento nestas iniciativas. O cartel deste evento foi realizado polo artista portugués Elio, que ten máis de 400.000 seguidores en redes sociais.

Descargar todas as imaxes