Escoitar

Vigo alega contra a “intromisión” da Xunta na autonomía local no anteproxecto de lei da auga

O Concello presentou alegacións ao borrador do anteproxecto de Lei de mellora do ciclo integral da auga que tramita a Xunta de Galicia, que, en opinión do alcalde, invade ámbitos da autonomía local ao impoñer novos canons e obrigas “que non nos corresponden”.

venres, 17 set 2021
Abel Caballero informou este venres das alegacións presentadas.
Abel Caballero informou este venres das alegacións presentadas.

“Pretenden impoñer aos concellos a forma que na temos que xestionar as nosas competencias”, valorou Caballero este venres sobre un texto normativo ao que o Concello obxecta, por un lado, invasión de competencias municipais e da autonomía local e, en segundo lugar, a modificación de canons xa existentes e a creación doutros novos.

No primeiro punto, Abel Caballero asegurou que o borrador impón aos municipios obrigas que non lle corresponden, deixa de regular os casos nos que concellos como Vigo asumen na práctica competencias por abandono da propia Xunta de Galicia, e pretende indicar aos entes locais como facerse cargo das responsabilidades que si lles competen.

No tocante aos canons, o alcalde censurou o propósito autonómico de recadar a costa dos municipios. Así, ademais de manter o pago uniforme de seis euros por familia en concepto de saneamento, cuestionado por Caballero por carecer de retorno para a cidade, o anteproxecto de lei da Xunta incorpora tres canons de nova creación, pola xestións das depuradoras, das redes de colectores e de abastecementos en alta. “En Vigo isto teóricamente non nos debe afectar porque o fai o Concello, pero permaneceremos moi atentos”, avanzou Caballero.

Por último, o alcalde criticou que a Xunta de Galicia prevea penalizar ao Concello de Vigo polas perdas nas redes de abastecemento existentes incluso en municipios limítrofes, ata o punto de que, se as fugas superan o 20%, a cidade tería que pagar un canon ao goberno autonómico. Este abono sería “contraproducente” para Caballero, xa que non serviría para arranxar a rotura na rede, senón “para fastidiar, pagar á Xunta de Galicia a cambio de nada”.

Descargar todas as imaxes