Escoitar

O alcalde felicita ao Goberno Central polo proxecto de recuperación económica con fondos europeos

Abel Caballero detallou esta mañá á vicepresidenta do Goberno Nadia Calviño algúns dos proxectos industriais cos que a cidade aspira a fondos de recuperación europeos. Durante unha conferencia organizada dentro de Mindtech 2021, agradeceu á ministra a áxil xestión do Goberno Central cos recursos procedentes do programa Next Generation EU.

xoves, 16 set 2021

O alcalde de Vigo agradeceu esta mañá a presenza da vicepresidenta primeira do Goberno e ministra de Asuntos Económicos e Transición Dixital, Nadia Calviño, na inauguración da Mindtech International Conference porque supón un apoio “moi importante para a feira e para a nosa economía”. Logo de louvar a capacidade política de Calviño, “recoñecida en toda Europa”, Caballero, felicitou á ministra e ao conxunto do Goberno por ser capaces de presentar nun tempo récord un proxecto de recuperación económica ben engarzado, que foi validado en Europa e xa está en marcha. Durante a súa intervención, celebrou a decisión do Executivo presidido por Pedro Sánchez de adiantar nos orzamentos xerais 24.000 millóns de euros para que os procesos de recuperación non se fagan esperar.

Acompañado tamén pola presidenta da Deputación, Carmela Silva e polo delegado da Zona Franca, David Regades, avanzou que a cidade, en colaboración con estas dúas institucións, xa presentou proxectos como unha fábrica de baterías,  unha planta de microchips, unha fábrica de hidróxeno verde ou o automóbil conectado, neste caso en cooperación con outros territorios de España. Tampouco esqueceu no seu relatorio a vontade do goberno local de seguir avanzando no Vigo Vertical aspirando a fondos europeos.

Na inauguración das xornadas, incluídas dentro da feira Mindtech. o rexedor reiterou que a industria é máis que unha porcentaxe da economía, “supón o asentamento total de toda a economía porque alberga os grandes avances que chegan a outros sectores para incrementar a produtividade”.

A capacidade de avance tecnolóxico, insistiu, segue a ser o gran motor, despois chegan a loxística ou as finanzas e iso é o que representa Mindtech. “Sen industria Vigo non sería a gran cidade que é hoxe”, puntualizou. Dixitalización, feminización, medio ambiente ou capacidade de simplificar procesos son algúns dos vectores que determinan o actual avance industrial, aglutinando proxectos público/privados. Fixo especial fincapé na interrelación entre economía, empresa e traballadores porque “formamos un conglomerado e temos que avanzar xuntos, creando algo moi importante, compactando presente e futuro cos plans do Goberno de España”. O rexedor rematou falando do naval, que atravesa unha situación complexa a para que “necesitamos un paraugas” para encauzar o sector. Somos a cidade cos estaleiros privados máis importantes de España e queremos buscar un aclaxe para seguir adiante”, demandou.

Logo de facer un percorrido por Mindtech 2021, Caballero acompañou á vicepresidenta do Goberno durante unha visita á planta de Stellantis, en Balaídos.

Descargar todas as imaxes